Fauna
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Lendas, contos e sucedidos de Moaña
REMEDIOS
1.-Cando non se atopa algún obxecto que se sabe que ten que estar pola casa, faise un nó nun pano e recítase a seguinte ladaíña: San Timorato, San Timorato, os teus collonciños che ato. Parece ser unha parodia do responso a santo Antonio que ten a mesma finalidade. Disque nunhas horas aparece o que se busca.
2.-O cacho feito coas herbas de San Xoán é coñecido. Antigamente cando pasaban os tres días nos que se lavaba a cara, aproveitábanse as herbas e poñíanse a secar. Logo gardábanse durante todo o ano, pois se alguén sufría o “aire do sapo” facíase unha fogueira con elas, por riba da cal tiña que saltar para que lle pasase.
3.-Tamén en San Xoán se colle polo serán un cardo que hai que poñer nos balcóns ou fiestras para espantar o mal.
4.-O primeiro de maio aínda se seguen poñendo xestas nos coches, pois a xesta, o demo entesta, ou sexa, manteno lonxe.
5.-Cando as crianzas tiñan unha mala racha de enfermidades e debilidade parecía que tiñan un mal de ollo. Para botalo fóra pasábaselles por riba da cabeza o pantalón do home da casa, usado e coas perneiras abertas, a xeito de ponte, tres veces.
CONTOS
1. Un home marchara ao mar no mes de abril e en xuño a muller tivo un fillo. Cando de alí a un tempo voltou a terra, todos os veciños lle pedían explicacións e mofábanse del, pois segundo as contas que botaban, tivera que preñala outro. Unha tarde na taberna el contestoulles:
—É moi fácil, eu marchei en abril e logo é maio, maiolo e o més que vén solo, tres. Abril, abrilete e o mes que se mete xa son seis e San Xoán, San Xoanás e o mes no que nace o rapaz xa son nove, a quen non lle dan aghora as contas?
2. Unha vella escoitaba polas noites os sons dos animais, que expresaban como era a vida naquela aldea. O can ao ladrar dicía: “Fame, fame”. O gato respondía miañando: “Miseria, miseria” e xa pola mañá remataba o galo dicindo: “Nalgún tempo era así”.
Nota: Cóntase imitando o son de cada un dos animais con esas palabras.
O DEMO (TRASNO) NO MUÍÑO
Unha noite na que un grupo de mozas estaba no muíño, escoitaron no exterior o choro dun bebé, ao pé da porta. Entón metérono dentro, arrolárono e achegárono a unha fogueira para quentalo. Cando se foi calmando, de súpeto desapareceu e comezaron a escoitarse ruídos no tellado. Entón algúen comezou a cantar ao son da mó: E chuscurruschú e chuscurruschú, as mozas do muíño quentáronme o cu. Era o demo, que para estar na caloriña das mozas tomara a forma de neno.
ESPÍRITOS
Contaba o meu avó que unha noite un grupo de mariñeiros decidira ir a unha taberna á beira da igrexa de San Martiño. Cando xa estaban un pouco peneques, Xosé, o máis langrán de todos, foi ao cemiterio vello, alí ao lado, e colleu unha caveira para asustar os compañeiros. Pousouna sobre a mesa e comezaron a darlle de beber e a falar con ela. Todo foron risas e cancións aquela noite. Cando xa ían cansos, mandáronlle a Xosé que a deixase onde a collera e, aínda que rosmando, foi aló. Así que volveu á mesa, a caveira volvía estar onda eles. Repetiron a operación varias veces, ata que se comezaron a asustar e chamaron o cura, que despois de tirarlles das orellas por seren tan destemidos, conseguiu que a caveira descansase tras botarlle un responso.
Outra versión di que marcharon cada un para a súa casa e a caveira apareceu ao pé da cama de Xosé. Este saíu levala ao cemiterio pero ao voltar, seguía estando no seu dormitorio. A solución, igualmente, foi chamar o cura, que a devolveu ao camposanto para que descansase.
[Texto remitido por Lucía Durán Paredes, de Moaña (Pontevedra). Agosto de 2015]