Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Fauna

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Máscaras de Entroido: O Oso de Salcedo

O LUNS DE ENTROIDO, a iso das cinco da tarde como cada ano desde que hai memoria, chegará aos rueiros de Salcedo, en A Pobra do Brollón, o oso prendido polos seus coidadores. Fai de oso un home cuberto con pelellos de cordeiro, adornado con chocas, armado con tizóns e a cara cuberta cunha máscara de oso. Cando os criados o soltan, ou cando consigue ceibarse deles, o oso arrólase nas pozas e logo, coa axuda dos seus criados, persigue aos viandantes para enfeluxalos na cara con cinsa ou brea. Noutros tempos, ao parecer, tamén tisnaba ás mulleres novas no ventre. Aínda que a festa do Oso de Salcedo é única en Galicia ten paralelos ben documentados en toda Europa, desde Euskadi ata Romenia, Italia ou Alemaña. Co tempo, en moitos destes lugares foi desaparecendo, polo que é impagable a perseverancia dos veciños de Salcedo que souberon conservar desde quen sabe cando este rito singular, enmarcado dentro das festas propias do ciclo de Entroido. INTERPRETACIÓN. Son moitas as conxecturas e teorías que tratan de explicar a simboloxía desta festa aínda que é probable que, como é lóxico, o ritual fose perdendo claves polo camiño. Nos Pirineos, no Piamonte e no Val de Aosta celebrábanse festas idénticas á de Salcedo. Nalgúns lugares facíanse entre o un e dous de febreiro, que é a data na que o oso sae do seu retiro invernal para observar a lúa. Se hai lúa chea, o oso recóllese de novo por corenta días; en cambio, se hai lúa nova, sae ao exterior pois interpreta que xa chegou a primavera. O oso, co seu comportamento, anuncia o cambio de estación tan desexado para unha sociedade agraria. SAN OSO En Urbino de Monpantero, nas proximidades de Torino, a máscara do oso é coñecida como San Oso. Despois de ser capturado por dous cazadores, pasea polas rúas atado con cadeas, a xente mállao e búrlase del ata que o oso consigue fugarse para asaltar violentamente ás mulleres. Finalmente, o oso é domado simbolicamente cando acepta bailar coa moza máis bonita. Un complexo ritual mítico-simbólico no que o home selvático disfrazado de oso representa un sistema de comunicación, que é o que é unha narración mítica coma esta. A conservación e o estudo das variantes locais do rito, coma a de Salcedo, son imprescindibles para describir e entender o mito. © Antonio Reigosa, 2010.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: