Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Fauna

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Chumín e o lobo

Na parroquia de Santo Estevo do Vicedo recollemos unha lenda, datada na segunda metade do século XIX, que fala do encontro dun home co lobo.
Despois de amenizar, xunto coa súa inseparable gaita, unha romaría, un tal Chumín regresaba para a casa. Era inverno, a noite caeu axiña; a mesta arboreda que abeiraba a corredoira semellaba unha tétrica caverna. O home respirou aliviado cando, por fin, viu a luz: a lúa chea alumaba, como unha xigantesca candea colgada do ceo, a paisaxe. Apurou o paso, xa cheiraba o lume da lareira. Mais, de súpeto, parou en seco, un leve ruído sobre a frouma, alertouno. Pouco a pouco xirou a cabeza, algo lle dicía que non estaba só. E non errou, uns enfeitizantes ollos mirábano fixamente, sen pestanexar. O rei da noite, o temible lobo, a besta das bestas, asexábao. Chumín, aterrecido, encomezou a tremer de tal xeito que, sen querelo, presionou sobre o fol da gaita provocando que o roncón esparexera o seu grave son: «Estou perdido», pensou. Mais, cal foi a súa sorpresa cando viu que o lobo, coma se o demo o perseguira, liscou a fume de carozo. «Se por medo é, que soe o roncón», dixo Chumín apertando de novo o fol.

[Conto remitido por Xabier Moure Salgado, de Pontide, Suegos, O Vicedo (Lugo), en maio de 2009. Fonte oral: Antonio de Marea, veciño de Baltar, O Vicedo (Lugo)]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: