Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Fauna

CATEGORÍAS RELACIONADAS

GUDE, Manuel: O raposiño

Tiña meu avó moito xeito para os contos. Quizais podería ser porque lle gustaba ler todo canto atopaba daquela, ata as follas de xornal atrasadas coas que Anuncia de Hortensio lle envolvía o tabaco. Levábaas todos os días con el, cando ía coas vacas, metidas no peto do chaleco de pana ata que se lle rompían por onde as dobraba.
Moitas veces lle teño pedido que me contara contos, e sempre o facía, unhas veces para me entreter, outras para me ensinar. E eu oíao embelesado, como se estivera alí xunto á formiga cando desafiaba ao lobo, a carón do vello que lle tremaban as mans cando comía o caldo nunha cunca de madeira, ou sentindo cando el mesmo se despedía da muller e das fillas maiores para ir á guerra.
De todos eles o que máis me gustaba era o do raposo. Contaba Amador, meu avó, que nos tempos da fame, sendo el mozo, viu andadas unhas covas do raposo nas Terras Mouras, cavounas e sacou un raposoiño. Con el atado foi pedidno polos lugares de arredor. Uns déronlle ovos, outros algún chourizo, e os menos, cartos para lle pagar aquel traballo de coller aquel pillastre que tanto dano lles facía nos galiñeiros.
Cando Amador deixou de pedir sabía que tiña que matar o raposiño; mais, era tan bonito, con ese rabo longo cheo de pelo coa punta branca. Tiña eses ollos tan vivos e esas orellas tan listas que o atou cunha cadea no fondo da pendella e deulle de comer.
Os primeiros días o raposo non comeu nada pero a fame puido co receo e rematou aceptando o que lle daban. Alí, no fondo da pendella pasaba os días o raposo.
Cando esto me contaba, eu podíao ver acazapado, mirando para as galiñas cando escaravellaban na aira, e para meu avó cando lle ía dar de comer.
Un bo día, na primavera seguinte, Amador, canso de ver aquel animal preso na cadea, tomou unha decisión. Colleuno, subiu con el polo cancelo á Cortiña do Alto, que lle tocaba a pan, e ceibouno.
Este, ao verse libre, botou unha carreiriña por entre as pallas aínda pequenas e raras, e a dez metros parou a mirar a aquel home, berrándolle nese intre meu avó:
—¡Solteite! ¡Nunca me veñas ás galiñas!
O animal, despacio, deuse a volta e, ao tris tras, perdeuse no sementado.
Desde ese día, nin ese raposo nin ningún outro veu ás galiñas á casa de Xorxe.
Mágoa que moitos nenos non gocen do pivilexio que tiven eu de ter un avó que me contara contos.


[Recreación de Manuel Gude, de Espasande, Castroverde (Lugo), 2007]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: