Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 122: Fontes prodixiosas
Hoxe deixamos uns apuntes sobre tres fontes prodixiosas: a da Ghilata, a dos tres xuncos e a da vida longa.
A da Ghilata está na Bouza, parroquia e concello de Beariz. A auga, que é gorda e escasa, ademais de matar a sede da xente e do gando posúe o sorprendente don de aumentar a velocidade da lingua e das cordas vocais. Quen a bebe, fala apurado.
A fonte dos tres xuncos está en Rubiás dos Mistos, Calvos de Randín, no monte coñecido como A Torre. Só pode vela quen non vaia pensando nela. Cabo da fonte naceron tres xuncos: segundo por cal puxes, o destino resérvache ouro, prata ou carniza. Se sae ouro, serás rico o resto da vida; se prata, quedas como estás mais se che toca carnaxe todo o que che quede de vida serás un desgraciado. Quen deveza por atopala endexamais dará con ela.
E a outra é a fonte da vida longa, na parroquia de Rigueira, en Xove. Sempre está rodeada de serpes e se algunha persoa bebe nela e nese preciso instante o morde unha das cobras, vivirá moito. O inconveniente é que ninguén dos que din saber onde está atina a precisar o lugar exacto do manancial.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 19 de febreiro de 2021.