Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 115: Home das mans

Sabemos deste curioso personaxe por Rafael Quintía e o seu libro Heichas contar. Contribución ao corpus mitolóxico galego. A referencia recolleuna en Parada, Silleda, da boca da veciña Ánxeles Llinares Taboada e conta a historia dun home que andaba polos montes da Serra do Candán. Chamábanlle o Home das mans porque seguramente era un leproso ou vítima dunha doenza que lle afectaba ás mans. Os nenos que andaban coas vacas polo monte tíñanlle medo e escapaban cando o vían.

Quintía pono en relación cos cocos e con outras historias de homes, talvez ermitáns, que andarían solitarios polos montes por algunha razón.

Ocórreseme poñelo en relación co chamado Home das bubas, un ser repugnante de ollos brillantes chamado así por ter o corpo recuberto de bubóns como os que padecen peste. Hai noticias deste ser apestado pola parte de Verín e Monterrei. Soe perseguir as mozas que andan coa facenda até atrapalas ou cansalas.

Ambos son arquetipos de homes salvaxes, moi perigosos, quizais sátiros como o Rabeno, o Marelo, o Busgoso, o Meco ou outros.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 10 de febreiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: