Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 113: Liscos do Demo

As lesmas, lesmias, limacos, limachas ou carallotes deixan tras si un rego de baba ou limo. Soen ser negras e andan comichando polas hortas. Non están ben consideradas e asegúrase que poden causar doenzas aínda que para o Demo son manxar exquisito.

En Domez, Riós, Nogueira de Ramuín, un home pasou a noite no muíño. Cando amenceu tiña fame, fixo lume e espetou nun pau nun cacho de touciño. Cada pouco enchoupaba o pan con aquela graxa. De repente, apareceu o Demo, preparou un espeto de limacos e cando xa gotexaban pasábaos por enriba do pan de home.

—Pinga no teu, ho! —díxolle o home, e apartouno cun tizón espetado nos fociños.

Noutra ocasión en Cambeo, Coles, mentres a muller fiaba a carón do lume, presentouse un demo novo cun espeto e un limaco. Meteuno no lume e díxolle á señora:

—Asar e non respingar. Maruxiña! Ques dela?

Non sabemos se Maruxiña probou ou non pero á noite seguinte para evitar que se repetise a visita, o marido colleu un tranco e agardou. E cando chegou intentou zoupalo, pero a quen lle atinou foi á ola do leite de mazar. Desta, o Demo marchou rindo.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 6 de febreiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: