Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 107: As roscas de Oseiro
O día 28 de xaneiro, o de san Tirso, en Oseiro, Arteixo, sacan en procesión dúas roscas de pan, orladas de cintas e flores, —o ramo do neno e o da nena—que xa foran elaboradas, sen sal e sen lévedo para que non balorezan, na tarde do 31 de decembro.
Desde entón gárdanse ao pé do altar maior da igrexa parroquial e o día do santo patrón e o de san Brais sácanse en procesión portadas por un neno e unha nena. O domingo posterior ao día de san Brais, as roscas repártense en anacos entre os fregueses que irán facendo uso delas segundo as necesidades. Uns gárdanos, outros cómenos e outros repártenos entre o gando e a xente da casa pois crese que son a mellor prevención contra a visita de calquera mal.
Aínda que este costume deixou de se celebrar durante un tempo, recuperouse nos últimos anos. Parece que estas roscas se decoraban con froitas e doces o que nos fai pensar nun rito propiciatorio relacionado coa inminente chegada da primavera. O renacer da vida tras o letargo invernal, segundo nos contan Rosa B. Vizcaya e Francisco A. Vidal no delicioso Dos fastos ós festexos.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 29 de xaneiro de 2021.