Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 102:A cama de san Vicenzo

No pico Ferreira, en San Sadurniño (A Coruña), onde agora hai un sepulcro antropomorfo escavado na rocha, houbo unha ermida ou capela. Ao sartego dinlle Cama de san Vicenzo.

E é que o santo estaba alí moi a gusto pero os veciños decidiron construír unha igrexa parroquial dedicada a san Paio na zona baixa, na Seara, e levar a san Vicenzo para a nova residencia. O san Vicenzo rebelábase; baixábano de día e el subía de noite para durmir no seu leito pétreo.

E así moitas veces ata que decidiron atalo con cadeas que é como agora está, secuestrado o pobre santo na nova parroquial.

A paraxe é fermosa; as vistas do val fabulosas. Ata non hai moito, a xente acudía alí para curar distintas doenzas. O ritual consistía en dar cinco voltas arredor do sartego, mollando a parte enferma —verrugas, feridas...— na auga de chuvia acovada.

Para curar a dor de moas recomendábase deitarse no buraco. Para as doenzas dos animais practicábanse ritos semellantes. Tamén se acendían velas nas gretas das rochas de arredor, moitas con petróglifos, o día 25 de maio.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 22 de xaneiro de 2021.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: