Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 098: Ildara do Courel
Pouco é o que se sabe desta Ildara que viviría nun castelo do Courel, quizais no de Carbedo, no Monte Cido, alí onde as tropas de Roma deixaron para a memoria unha aguia en bronce, quizais o remate dun estandarte, e a Tessera hospitalis, fermosa placa tamén de bronce que contén un acordo de boa veciñanza entre dúas tribos indíxenas. Ambas pezas poden verse no Museo Provincial de Lugo.
Para Benito Vicetto en Los hidalgos de Monforte (1851), novela ambientada no violento s. XV, Ildara é a protagonista principal, moza fermosa, atormentada e namorada dun dos condes de Lemos. Para Murguía, esta Ildara de Vicetto “é unha pobre flor perdida nun ermo”.
Na tradición popular, segundo recolle J. Alfonso Parada, cando derrubaron o castelo de Carbedo atoparon un libro agora desaparecido de tanto andar de man en man que contaba a historia desta Ildara e que ademais traía unha relación de tesouros existentes pola contorna.
Uxío Novoneyra, en Os eidos (1981), honra a Ildara con este breve poema:
Ventana de dona Ildara
prá banda da tara!
Castelo do Carbedo
solo pra tarde no bico do penedo!
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 16 de xaneiro de 2021.