Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 083: A malva en Noiteboa
A flor da malva segue no transcurso do día a dirección do sol. A semente ten, segundo Plinio quen cita a Xenócrates, poder afrodisíaco. No Libellus. De secretis mulierum —tratado erroneamente atribuído a Alberto Magno escrito en latín entre os ss. XIII e XIV— recoméndase a malva como medio seguro para saber se unha muller moza é virxe ou non. Tamén se di de alguén que morre que vai «criar malvas» en alusión á abundancia destas plantas nos camposantos.
Segundo nos contou Carmiña Prado, de Friol, a malva en infusión alivia asmas, toses, catarros, serve para cicatrizar feridas e para hixienizar as enxivas. É excelente para coidar a calidade da memoria e recoméndanse para curarlles o medo aos propensos a asustarse.
Tal día como o de hoxe, Noiteboa, nalgúns lugares de Galicia poñían en auga durante a cea flores de malva que foran recollidas na madrugada do día de San Xoán.
A marabilla da maxia dos solsticios é contemplar como as flores xa mirradas e estragadas, aparecen no amencer do día 25 tersas, frescas e recendentes coma acabadas de cortar.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 24 de decembro de 2020.