Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 080: Dona Chama

 Muller que atrae os homes coa intención de ter relacións sexuais para despois asasinalos. Vive nun pazo ou castelo e posúe abondosas riquezas. Probablemente actúe así en vinganza por un amor non correspondido. A eiva que delata a súa maldade, que a afasta da muller salvaxe e que a achega á sedutora diabólica, á lamia, é que ten pés de cabra.

Nunha das versións, o mozo descóbrelle o segredo, róuballe o puñal que garda entre as sabas e foxe, amosando como proba un anel, ao tempo que lles di aos criados: A dona chama! A dona burlada suicídase tirándose co seu tesouro a un pozo inaccesible.

O mito con este nome circulou, cando menos, polo norte de Portugal e por Lobeira, no sur galego. Ten parentesco con outros seres femininos como a Dona dos pés de cabra, a Raíña Lupa, a Gallarda ou a Serrana de la Vera. Ás veces tamén se caracteriza o Demo con pés de cabra.

Quizais abonde para testemuñar a súa pegada na cultura popular dicir que en Mirandela (Portugal) existe a Torre de Dona Chama, onda o castro de S. Brás, e que, segundo Madoz, en Queiroás, Allariz, existía o lugar chamado Casdonachama1.

SerieMicromitos


 

Publicación: Nós Diario, 19 de decembro de 2020.


1 Segundo nos comunica Antonio Blanco Rodríguez en decembro de 2020, o nome actual é Cardanachama e que moi preto existe outro lugar chamado A Torre.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: