Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 078: O can da Virxe do Mar
A imaxe da Nosa Señora do Mar do Oia —tamén chamada do Desterro, de Loreto ou do Lebreiro— apareceu na costa cabo do mosteiro arredor de 1581.
Dise que cando a botaron ao mar os iconoclastas ingleses, un can lebreiro tirouse á auga e arrastrouna sen mancadura ata o lugar onde a atoparon uns labregos que andaban pola Orilluda ao argazo. A cadea era de ferro e o colar estaba decorado con cunchas. O conxunto emitía un resplandor espectacular.
Sabedores do suceso, os monxes de Oia rescataron a imaxe e déronlle agocho mentres o can, que culminara a aventura extenuado, expirou. En atención á heroica singradura foi soterrado en lugar sagrado mesmo á porta do mosteiro.
Un ano despois, a imaxe desta Virxe, que leva o neno no colo e á que se engadeu a figura dun can grande, navegante entre ondas, deitado aos pés, trasladouse a Salamanca, onde aínda está, agora no mosteiro de Santa María de Xesús, por certo, abandonado polas monxas bernardas en 2015.
En 1680 fíxose unha réplica disque exacta da orixinal que é a que se venera en Oia como santa patroa do concello.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 17 de decembro de 2020.