Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 076: A hidria de Cambre
Naquel tempo había unha voda en Caná de Galilea e Xesús cos seus discípulos foron convidados. Faltou o viño e había alí seis hidrias de pedra para as purificacións dos xudeus, e Xesús dixo que enchesen as hidrias de auga e, como é ben sabido, así fixo Xesús o primeiro dos seus milagres.
Pois ben, unha daquelas hidrias está en Galicia, na igrexa románica de Santa María de Cambre. É un recipiente de alabastro con forma de copa de case un metro de alto, con bastantes raspaduras pois a xente usa ese po mesturado con auga para aliviar algunhas enfermidades. Conserva a inscrición Idrie lhlM, que se traduce como “Hidria de Xerusalén”.
As primeiras noticias da súa existencia datan de 1519 e suponse que a puideron traer ata alí os cabaleiros do Temple, o conde de Traba, Fernando Pérez ou monxes bieitos tras algunha viaxe a Terra Santa.
Esta hidria de Cambre ten un mérito artístico indubidable. Se ademais é unha das que usou Xesús para converter a auga en viño nas vodas de Caná, non debera ser sacrilexio enchela coa auga dalgunha fonte de noso e probar. A ver que pasa!
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 15 de decembro de 2020.