Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 214: San Xiao dos Osos
Achegámonos á capela de San Xiao de Labacengos, concello de Moeche (A Coruña), situada no camiño de peregrinación a Santo André de Teixido e vencellada historicamente ao mosteiro de Oseira. A pesar de que un dos escudos que aínda se conservan nun dos muros da capela deixa á vista ben visibles uns osos, dise que alí acoden cada maio os enfermos dos ósos para someterse ao ritual dos sartegos que lles pode dar alivio. Consiste en que os doentes se deiten nalgún dos dous sartegos antropomorfos de época baixomedieval que se conservan no interior da capela, cerimonia que se debe completar coas ofrendas e misas correspondentes.
Cóntase que o ritual xa se practica desde o s. XV, aínda que a capela pode ter orixe no XVIII e foi horriblemente reformada na segunda metade do s. XX. Non moi lonxe da ermida está o Cruceiro do Camiño Real, probable obra do s. XVIII.
O historiador e cronista oficial de Cedeira, Rafael Useo, publicou unha monografía sobre este santuario en 2007.
Serie: Micromitos