Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 052: San Martiño
Día grande dos magostos. Hoxe celebramos a san Martiño de Tours que naceu na Panonia húngara no s. IV, como o seu fiel seguidor, Martiño de Braga.
Cando era soldado no exército romano compadeceuse dun mendigo que non tiña conque aliviar o frío, fendeu coa espada a capa que levaba e ofreceulle a metade. Por estragar o uniforme militar, foi castigado a pasar a noite espido pero Deus, que lle falou, subiu a temperatura ambiente e disque de aí nos vén a concesión do chamado “Verán de san Martiño” ou “Primavera de outono”.
Foi bispo, combateu o priscilianismo e é santo patrón de máis de dúascentas parroquias galegas.
San Roque e san Martiño teñen capelas en Viveiro, unha en cada monte. Unha vez Roque comezou a tirarlle pedras a Martiño —que se ría del pola mala puntería—, e tantas lle mandou que agora o monte de Roque non ten unha soa pedra e ao de Martiño non lle caben máis.
A celebración coincide co cambio estacional que o refraneiro reflicte. Quedan atrás os traballos agrícolas e comezan outros como as matanzas. Os porcos non lle teñen devoción.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 11 de novembro de 2020.