Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 051: O máxico adival
Un adival é unha corda longa, de cánabo ou esparto trenzado, usada para atar a carga dos carros. Non ten unha lonxitude precisa, a pesar de que foi usado para medir leiras e a fondura dos pozos. En algures ten 25 brazas; ou sexa, uns 45 metros.
Nas adiviñas ponse interesante: “Cando vai para o monte, vai engurrado; cando vén para a casa, vén estirado”.
Os adivais serven para certificar que os pozos pegos, moi perigosos, non teñen fondo: “Tiraron doce adivais cunha pedra no cabo e non tocou fondo”.
Pero sobre todo forman parte dos rituais de encantamento, xeralmente en fontes, de mozas mouras.
Canda moza soe ir a arca onde leva os haberes atada cun adival. A corda transfórmase en serpe que protexe a encantada, a mesma serpe á que o mozo lle ten que dar tres bicos na caluga cando a intente desencantar.
Se o consegue, poucas veces pasa, o cobra volve ao seu ser inicial; un inocente adival.
E un adival con historia. Co liño cultivado no adro da capela de santo Amaro de Bexo, en Laíño, Dodro, entrenzouse o adival co que ataron os bois que carrexaron o corpo de Santiago até Compostela.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 10 de novembro de 2020.