Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 050: Os magostos
Os magostos —palabra de etimoloxía confusa, quizais relacionada con agostar, asar, secar— son reunións nas que participa a veciñanza nun espazo comunitario para asar e comer castañas, e outras viandas, coincidindo nalgunhas comarcas coa cata do viño novo.
Os días propicios para realizalos van desde o 1 de novembro, Santos, até o 11, san Martiño. No Courel, segundo Xosé Estévez, chámanlle a este período de tempo ‘O castañal’.
En moitos sitios facíase no adro da igrexa, ofrecíanse castañas ao mordomo das ánimas e tanxíanse as campás toda a noite. Tamén se lle ofrecían castañas ao chamado Rendeiro da Estadea, personaxe que encabeza a Compaña.
Déixanse castañas sobras para que as coman as ánimas e o lume aceso para que se quenten. No lume do magosto non se pode cuspir nin mexar. Ao remate os participantes tisnan a cara cos tizóns.
Trátase dunha festa ritual, de comuñón entre vivos e mortos, na que se come, bebe e baila. Celébrase no período escuro do ano no que os mortos —Samaín, Santos, Defuntos...— comparten simbolicamente espazo e alimento cos vivos.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 7 de novembro de 2020.