Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 044: O rei dos paxaros

De corpo mínimo, poderoso cantor cando compite en amores. Fai niños moi feitos que ás veces okupa o cuco. Pon dúas veces ao ano. Chamáselle carrizo ou carriza e é tan cativo por maldición, porque lle deu a volta aos ovos o día da Ascensión.

É o rei dos paxaros porque gañou a competición por ver quen voaba máis arriba. O carrizo, pillabán, montou enriba dunha aguia ata que esta, créndose gañadora, decidiu parar e baixar. O carrizo descabalgou, quedou só nas alturas e gañou!

Ave respectada. En San Lourenzo de Pousada, Baleira, din que arrefriou con auga o lume onde queimaban o patrón.

Segundo A. Fraguas tamén serve para curar o mal de ollo nos animais. Collíase un carrizo vivo e con el na man facíase o sinal da cruz sobres persoas e animais doentes. Logo déixase que volva ao niño.

Non se pode cazar nin maltratar. Desfacerlle o niño torce a sorte. De collérense os seus ovos ou de tocar as crías, déixase de medrar e enfermase de tiña.

Da participación do carrizo nun rito que se se chamaba ‘A solta do rei Charlo’ e doutras valentías dun paxaro tan pequeno, xa falaremos.

SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 30 de outubro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: