Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 038: O gran pé de Roldán
Non lonxe da capela do san Vitorio de Caínzos, en Cambás, Aranga, no cimbro da Serra das Medoñas do Galiñeiro, hai unha gran rocha coñecida como Pena Roldán. Nela poden verse as pegadas das ferraduras do cabalo Briador e un gran burato na pena que se cre é a pisada dun zapatón de Roldán.
Polo tamaño da pegada imaxinamos un pé de xigante, como corresponde á memoria do heroe, sobriño de Carlomagno, par de Francia, batallador con Santiago contra os mouros sarracenos e contra os nosos míticos devanceiros.
Parece que cando Roldán pasou por aquel lugar ía perseguindo dúas irmás mouras, das encantadas, que se lle escapaban, e como non as alcanzaba baixou do cabalo e botoulles unha maldición. Foi entón cando pousou sobre a pena e quedou alí de testemuña un buraco que semella o dun pé calzado de enorme tamaño.
As mouras quedaron petrificadas na pena que chaman Entrámbalas Irmás. Unha das irmás xa non está; desfixérona a marteladas.
Das andanzas galegas de Roldán, perseguidor de mouras e mouros, afogador de cidades impías e tronzador de penas, aínda hai moito para contar.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 22 de outubro de 2020.