Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 037: O Porviso

É moi pouco o que sabemos deste ser. Probablemente só sexa un nome, outro máis do trasno ou o dun demo que sendo quen de caracterizarse en mil figuras tamén pode, segundo lle conveña, camuflarse baixo múltiples nomes.

En Galiza como en Portugal, o Proviço, Porviso, Proviso sería o nome dun demo rexoubeiro e trampulleiro, unha especie de trasno, tardo, espírito ou visión que segundo os casos pon medo, enreda e pouco máis.

Porén, segundo unha versión recollida por Paula Carballeira nun IES de Padrón, a rapazada daquela bisbarra identifícao cunha especie de rato que pasa por debaixo das portas, co rabo tan longo que lle permite rodear a almofada e afogar con ela a xente que dorme.

Para V. Vaqueiro aseméllase ao Pesadelo, un trasno especializado en aumentar de peso a conveniencia e sentar no peito dos que dormen para provocarlles sensación de asfixia.

Rafael Dieste en "A fiestra valdeira" dille Porviso a un ser da caste dos demiños.

O Porviso, como todos os demos, escorréntase coa flor da auga fría que se recolle na mañanciña do día de san Xoán.

SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 21 de outubro de 2020.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: