Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 034: O cabalo do carteiro de Lagoa

Houbo un carteiro en Lagoa, na Pastoriza, que era amigo do viño e entretíñase sen ansia nas tabernas. Viña recoller as cartas a Abadín e unha vez que empinou de máis e botóuselle a noite enriba.

Cando ía cara a casa de a cabalo polo alto da Corda deu en tronar e lostregar. Caían uns raios de medo e o cabalo parou en seco.

Que pasa! Arre, cabalo! Como o cabalo non se movía, o carteiro descabalgou e viu a cabeza da montura tirada no chan. Un raio fendéralle o pescozo. Pero o home non se acovardou, colleu a cabeza do cabalo e volveu a colocarlla no sitio; montou e seguiu camiño.

Cando chegou, era moita noite e non había luz. Quixo meter o cabalo na corte pero o besto negábase. Tiráballe do ramal: Arre, cabalo!

Empurrábao polas ancas pero o cabalo quedo! O carteiro impacientouse. Comezou a botar xuramentos e a dar berros, e a muller saíu ver que pasaba.

O home, coas présas, puxéralle a cabeza ao cabalo ao revés, co fociño para arriba e tropezaba no cargadoiro da porta.

Contóunolo Plácido Morado de Abeledo en 1992 e forma parte do ciclo de contos coñecido como Münchhausen Tales.

SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 16 de outubro de 2020.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: