Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 030: A ponte sen varanda
A ponte está no lugar de Ponteboa, en Sobredo, sobre o río Viñao, entremedias das parroquias de Cameixa e Albarellos, no concello de Boborás. Crese que se construíu polo s. XVII ou XVIII, ten un só arco e non ten varandas.
Segundo lle contou Antonio Penela Estévez a A. Vázquez-Monxardín, a ponte fixérona os mouros pero non a deron acabado pois estes máxicos construtores —como sucede co Demo— só traballan de noite. Se non rematan a obra antes de amencer, desfán o que fixeron e ao anoitecer seguinte volven comezar.
Traballaron moitas noites sen éxito pois nunca lles daba tempo a poñer as varandas antes do canto do galo. Parece que o problema estaba en que mesmo debaixo da ponte hai unha poza profunda e escura, moi complicada de pasar a nado.
Os veciños impacientábanse vendo que a ponte non se daba rematado así que foron ver o párroco e pedíronlle que a bendicise xusto no intre no que os mouros a fosen derrubar ao amencer.
Así o fixo e así quedou a ponte definitivamente, sen as varandas, o que a emparenta coa aristocrática Ponte Chiodo de Venecia.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 10 de outubro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero