Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 026: A Fonte Pormás
Antón Fraguas publicou "As lêndas da Fonte Pormás" en Nós, 108 (1932) cando era un mozo de 25 anos pero xa amosaba un coñecemento profundo da nosa mitoloxía, en particular da relacionada coas augas.
Son tres as lendas. A primeira fala do intento por conseguir o tesouro agochado na fonte, a segunda dun rito de encantamento con final feliz e a terceira doutro pero con consecuencias nefastas.
Nunca estiven na Fonte Pormás. Busquei e rebusquei en internet unha proba da súa realidade pero non a atopei. Comecei a sospeitar que perecera devorada pola ansia dalgunha obra e acudín a Xurxo Broz e Cristina Vázquez, traballadores do Museo Terra de Melide, para pedirlles —eran días de mobilidade limitada— que a localizasen.
Faltoulles tempo! Confirmáronme que a Fonte Pormás existe e resiste pero ensumida na maleza, asfixiada baixo un pedregal de recheo na divisoria entre as parroquias de Castañeda e Vilantime, no concello de Arzúa!
Pola memoria de Fraguas e a do seu informante principal, un buscador de tesouros chamado Manuel Cardelle Conde, resucitemos a Fonte Pormás!
Outro día contareilles as lendas.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 6 de outubro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero