Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 024: A sombra do asasino
Hai dúas versións sobre a sombra que se ve cada noite na praza da Quintana de Compostela. Unha conta que se trata do espectro dun crego da catedral que namorou dunha monxa de San Paio de Antealtares. Acordaran escapar xuntos, caracterizados de peregrinos pero a monxa non acudiu á cita, e alí sigue, agardando, a sombra do crego namorado.
A outra versión di que pertence a Leonard du Revenant, nobre francés do s. XV. Matara o pai para quedar coa herdanza e a xustiza condenouno a peregrinar a Compostela. No camiño namorouse dunha moza que o rexeitou e Leonard, tras violala, asasinouna a ela e ao mozo.
Para continuar viaxe disfrazouse de frade franciscano e xa en Compostela, como non atopou onde durmir, arrimouse ao muro da Torre do Reloxo da catedral e adormeceu. Mentres durmía aparecéuselle o pai, quen, vendo que rematara a viaxe, lle concedeu o seu perdón coa condición de que agardase a que as ánimas das outras dúas vítimas lle concedesen o seu. Nunca o fixeron.
Tamén hai quen pensa que a sombra é a proxección da luz dun farol contra o mesmo muro.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 2 de outubro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero