Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 018: O neno levitante
O manexo das ferramentas máxicas tamén precisa pericia e experiencia.
Pasou no lugar de Xeada, parroquia de Rioaveso, Vilalba. O crego tiña na sancristía un Ciprianillo que usaba sobre todo contra as treboadas. Lendo nel ao dereito e ao revés conseguía apartar a sarabia da parroquia, facía que descargase nun camiño e así non facía mal a ninguén.
Un día que o crego estaba de cháchara cuns veciños, pousou o libro e un neno que andaba por alí colleuno e, sen decatáranse nin o crego nin os veciños que estaban cabo del, xa o viron suspendido no aire co libro aberto na man. E subindo!
O crego púxose nervioso e berroulle: Ah, paxaro! Bótame o libro, e non o peches!
O crego foi deslendo, desde o final onde chegara lendo o neno ao principio, moi amodo, e o neno foi baixando paseniño ata pousar no chan.
Dixo o crego que se pechara o libro ou se lera apurado, caería a toda velocidade e esnafraríase.
Para todo hai que saber, dixo o crego. E o neno pensou: O que hai que saber é desler!
Esta historia contóunola Corsina Prado, de Campelas, xa pasa dos 25 anos.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 24 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero