Micromitos
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 008: O carballo bebedor
Hoxe visitamos o carballo do Pelete, en Covelo, concello da Lama. Supóñenselle máis de 500 anos de vida e máis de 7 metros de perímetro e 15 de altura. Desde 1650 goza duns tragos de viño a principios de setembro, coincidindo coa celebración da Virxe dos Remedios na capela de a carón.
No Pelete non hai vides pero viño beben. Cóntase que pasou un arrieiro polo lugar cun cargamento de viño e un fillo que ía canda el quedou malferido por un couce dunha mula. O pai púxoo á sombra do carballo e acordou coa Virxe dos Remedios que se llo curaba habíalle levar cada ano un pipote de bo viño.
O mozo mellorou e desde entón un mordomo encárgase cada 7 de setembro de que chegue o mellor viño ao lugar. Primeiro bendíceo o cura e despois toma o primeiro trago o carballo. A seguir, a cada volta que dan en procesión arredor da árbore, beben todos, incluído o carballo.
Trátase dunha simbiose prodixiosa; a cristianización dun rito ancestral relacionado coa fertilidade da terra. O profesor C. Rodríguez Dacal conta ao detalle a apaixonante historia desta árbore nun libro publicado en 2010.
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 10 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero