Cocos, monstros
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 067: Que vén o coco!
O Home do saco, o Coco e o Sacamanteigas son os principais monstros que atemorizan as nosas crianzas. A palabra coco non aparece impresa ata o s. XVI nun auto do portugués Gil Vicente e no Lazarillo de Tormes.
Sobre a orixe do nome hai moitas teorías, ningunha plenamente convincente. Non se descarta que derive do nome de certas larvas ou eirugas chamadas cocos, cocas ou cucas, e tampouco que se refira ao xesto do rostro e dun son emitido polos monos cando están enfadados e din «co-co-co-co». Os portugueses bautizaron o froito dos cocoteiros como cocos por este motivo.
Pode ter moitas aparencias ou ningunha. Asociado ao feo, peludo e negro pero rara vez se lle atribúe un aspecto físico concreto. Ten como misión, invocado case sempre de noite polos adultos e dentro da casa, procurar que as criaturas durman, causarlles medo ou que obedezan.
Ademais de coco ou cocón hai unha variedade enorme de nomes para referirse ao exército de seres que sobrevive no imaxinario do medo. Irémolos traendo aos poucos. Mentres: «E durme, neniño / que vén o cocón / vai levar o neno / que non dorme, non».
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 2 de decembro de 2020.