Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Os dragóns da Terra do Medio (Cerdedo)

© Calros Solla

Moito antes de que os nenos de cidade descubrisen a existencia dos dragóns nos libros de Tolkien (1892-1973), os nenos de Cerdedo xa sabían que, nunha agochada peneda do monte do Sangal, nomeada O Embigo do Becho, vivía prisioneiro un fabuloso dragón –o Becho– que, até a súa reclusión, sementara o pavor pola comarca.  

A bisbarra de Montes coñecíase no antigo co nome latino de montes Metae (“os montes da Meta”), sendo “Meta” a denominación dunha montaña cónica e preeminente que, canda o río Lérez, establecía a fronteira entre a Galiza (Keltia) do norte e do sur.

A Meta, a dita montaña rechamante, identifícase co monte do Seixo, contraforte setentrional da serra do Cando que, en lingua celta (*cand-/*cant-), redunda na súa orografía sobranceira. Na penechaira, os seis metros de altura da pedrafita do Marco do Vento, ergueita na encrucillada da Feira Vella (oenach), sinalou o límite das xurisdicións célticas da Artabria e da Grovia e, após, deslindou os conventus romanos de Lucus e Bracara. Salientando a súa consideración de limes, contan que, no Marco do Seixo, todos os ventos dan a volta. Nas feraces valiñas da Meta, a Terra do Medio, esparexíanse os castros das tribos metacias, os celtas da marca.

O Becho do monte de Cerdedo é un dragón e, como todos os dragóns, unha criatura arrepiante. Non debemos confundir o Becho coa Bichoca ou co Cancodrilo (deles xa nos ocupamos noutrora nesta mesma cabeceira). A confusión é doada, pois, todos tres son seres estarrecedores, voraces e desapiadados que, procurando non cruzarse no camiño, cohabitan (ou cohabitaban) na conca do Lérez.

O dragón do Sangal bota a durmir boa parte do ano, aletargando a súa escamenta anatomía no máis fondo dunha lóbrega toqueira. Eis o Embigo do Becho. Mentres o sol de forza espreguiza e non os seus membros, na durmideira, o comellón maxina gorentosos rabaños, carne fresca coa que aledar o bandullo. Acirrado pola canícula, o monstro acorda do seu sopor e teima en estricar a cabeza fóra do tobo.

Antano, non se aviña a couto ningún e, abandonando o buraco, despregaba a súas enormes ás morcegueiras e chimpábase lomba abaixo para remontar o voo e sucar o ceo de Cerdedo coma grácil tartaraña. A envergadura do dragón do Sangal facía vir as sombras á terra. Mesmo así, para que nos entendamos, un espécime é o Becho e outro moi distinto, o paxaro Aighoto, colosal rapina que escolle o poio da Penadaigha, pedrestal do monte do Seixo, para esculcar e lanzarse ao baleiro.

Con chío estridente, reclamaba o dragón o seu tributo cadaneiro: unha moza casadeira, un xato de rubia galega, uns roxelos de leite (outros tesmuños elevan o imposto a trinta animais con cornos ou a trinta cornos canda os seus respectivos animais).

De non lle cumprir o antollo, o dragón trousaba unha escaldante labarada que chamizaba a eito quinteiros, colleitas e arboredos.

Contan que san Xoán, baril cabaleiro chegado de afastadas terras, ofreceuse para redimir o pobo de Cerdedo da súa maldición.

San Xoán fíxolle a espera ao saurio terríbel, atraéndoo co engado dun año acabado de nacer. O Bautista, pé en terra, enfrontouse á besta voadora nun combate que tivo por escenario as leiras que despois nomearon San Xoán, varcias lerezás sitas na entrada de Cerdedo segundo se vai de Pontevedra.

O santo, homiño pequecho malia que destemido, contivo a serpe alífera valéndose dun fachón, mentres no colo gardaba das enlaricadas fauces a coitada ovelliña, tal e como o canteiro Xosé Neto o representou entre as dúas torres da igrexa parroquial.

A por de pasar o fachizo unha e outra vez polos fociños do malvado, foino arrecunchando en recuada até a boqueira do seu cubil que atoou con grandes pedras. Avíndose á etimoloxía do seu nome, o paladín non lle deu morte ao Becho, antes ben, deixoulle unha reganduxa para que puidese respirar.

O pobo fixo punto da estratexia e, ano a ano, cadrando coa efeméride do San Xoán, os aldeáns prenden innúmeras fogueiras para conmemorar a fazaña do seu valedor e, asemade, para lembrarlle á fera encarcerada que non perde ren ficando onde está.

A peneda do Embigo do Becho localízase na face norte do monte de Cerdedo, polo camiño da Cubeliña adiante; verea nemorosa de seu que o Concello, tras chantarlle dous bancos e un caldeiro do lixo, recualificou como “paseo biosaludable” e que o tren de Madrid (un dragón dos tempos modernos) a fará desaparecer ao seu paso. Maldita ignorancia. 

En setembro de 1985, TVE pretendeu atraer a atención dun rapaciño de Pontevedra que pasaba os veráns en Cerdedo (coa orella posta), estreando unha serie de debuxos animados en cuxa cabeceira soaba: “Dragones y mazmorras, un mundo infernal, se oculta entre las sombras la fuerza del mal...”. Érache voa!!  

O dragón, inquilino forzoso da canfurna do Embigo do Becho, non gozaba en exclusiva do espazo aéreo de Cerdedo, pois, tamén é sabido que no lugar de Arén, no alborecer do monoteísmo, o arcanxo san Miguel, por mandado de Deus, pechou outro dragón no alxube da capeliña do castro.

O arcanxo, acoirazado guerreiro dotado de apéndices alares, bateuse nas alturas coa coca septicéfala cospelume, e a batalla debera figurar nos anais da aviación de combate.

Anxo e dragón, enleados na contenda, trucáronse até a extenuación, trazando no ar mil e un bucles e cabriolas: o infante celeste, procurando esquivar o alento pelante do dragón; o soldado do averno, caneando a fendedora espada de luz do seu opoñente. 

A sorte da batalla decantouse do lado do san Miguel, mais, coma no caso anterior, foi lide sen morte. O dragón de Arén, indultado, acabou preso no rocho da capela, ao coidado de sete cadeados (un para cadansúa cabeza). Encol dunha peaña da parede sur do templo de Arén consérvase, tallado en pedra, un fotograma daquel episodio bélico: o Arcanxo, apolíneo, impásibel, lanceiro e fiel contraste, tripa e atravesa a diabólica criatura coa man esquerda, ao tempo que, coa dereita, pesa un lote de almiñas.

O san Miguel, así que lle deu a derradeira volta á derradeira chave (sete cadeados de sete voltas), pronunciou ofegante aquilo de “Quis ut Deus?” que, en román paladino, vén significar “Quen coma Deus?”, e no vervo xido, traduciríase por “Quenvius comius Queico?”. O dragón, repregándose, seica refungou: “O mundo volverá saber de min”.

O invicto xeneral dos exércitos anxelicais, receando das artes do demo, ocultou as chaves en sete postorios diferentes, esparexéndoas pola contorna. E aínda que a operación foi considerada alto segredo, o paradoiro das chaves, non sabemos como nin por quen, foi revelado. “Tres poderían gardar un segredo se dous deles morresen” (B. Franklin).

Segundo M. Azaña, “en España o mellor xeito de gardar un segredo é escribir un libro” e, xa que logo, preservando o arcano do gran público, deste xeito precisei a xogada noAlmanaque de encantos (2005):

No pío da fonte do San Miguel, o Arcanxo guindou a primeira das sete chaves que fecha o alxube no que recluíu o dragón das sete cabezas. A segunda chave gardouna baixo unha tella do muíño do Bico. A terceira, so un dos peares do pasadoiro do Souto, no río do Castro, aquel sinalado coa marca J F “Xuízo Final”. A cuarta chave chimpouna ao pozo da Torre, no mesmo río. A quinta colgouna da carranca do Turco da Pilara, can fero escorrentador de franceses, e a sexta chave pousouna tras a pedra armeira dos arencos (escudo da casa de Elsita). Da sétima, deixou dito que se as forzas do mal a arelaban, terían de saber ler nas inscricións dos muros da capeliña que abeira a súa imaxe, na aldea de Arén: calvario e minguante.

Así como o dragón do Embigo do Becho segue amodorrado no Sangal, desconfíase que o dragón de Arén liscou para alén do Seixo, achando acubillo na provincia de Ourense onde teñen aumentado exponencialmente as prácticas piromaníacas.

Son acérrimo defensor dos viventes cos que compartimos o orbe, non tolero can pola cadea, e non nego tampouco o meu natural falcatrueiro, porén, prométolles que eu non ceibei o dragón de Arén. Eu non fun.

Honrando estes contiños de dragóns que arrequeceron o leite co que me fun criando, bauticei o meu blog co nome de O Embigo do Becho. Revélolles con gusto estoutro segredo porque, sete anos despois, a miña bitácora persoal na que publico cousiñas de Cerdedo acadou xa as 100.000 visitas. Moitas grazas pola súa curiosidade.

NOTA

Este artigo foi publicado anteriormente no xornal Faro de Vigo (13.09.2015) e no blog “O Embigo do Becho

A ilustración “os dragóns de Cerdedo é de Nan Vaz.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: