Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Cocos, monstros

Que é iso de ir aos Gozofellos?

Neste relato aportamos unha variante ou versión local, tal e como nós a escoitamos en Melide, pero da que temos oído variables máis ou menos análogas, pero con matices diferenciados.

Estámonos referindo ó conto inventado popularmente, co propósito de burlarse de cativos, e non tan cativos, que se inician nas artes da caza e da pesca fluvial, tendo neste caso que ser capaz de darlle captura a un animal (inventado ou imaxinario, pero que ó iniciado e inexperto cazador ou pescador fanlle crer que é real). O animal en cuestión coñécese por distintos nomes, aínda que nestas comarcas da Galicia central sóese referir coa fórmula gozofello, quen tamén se pode identificar con outros, como gazafellos, gamusinos , gambusinos,… e tamén o tan frecuente e ben soante biosbardos (do que se acuñou a expresión tan coñecida de “ andar ós Biosbardos”, equiparable á de “ir ós gozofellos”, que veñen a significar: andar despistado).

Compre indicar que sempre se deixa en dúbida o tipo de animal que é, para así deixar máis en evidencia ó burlado. Nesta zona só se incide no feito de que se trata dunha especie fundamentalmente acuática, que hai que capturar metido nas augas dun curso fluvial, pero que pode tratarse tanto dun peixe (o menos probable), dun anfibio, dun mamífero, ou dunha ave acuática, pero sempre dun alto interese culinario, polo que a súa captura debe entenderse coma unha práctica xustificada e racional. A primeira vez na que nos tomaron o pelo coa existencia do gozofello (estamos a falar dos anos oitenta), os artífices da burla sinalaron que se trataba dun “avichuco de río” para máis ou menos especifica-la especie ou familia do animal.

Para darlle caza ou pesca é preciso artellar unha práctica cinexética  en equipo, e provista de inxenio e coordinación do grupo. Os participantes son un grupo de persoas, non moi numeroso, que se encarga de asustar e guiar ós gozofellos ata o alcance do captor; este papel máis relevante queda en mans do iniciado, para darlle un suposto papel protagonista, mentres que os que fan de espantadores dos animais son os que tramaron a burla.

O protagonista debe permanecer  estático e en silencio no medio das augas do río, e se pode ser no medio dunha corrente de auga, provisto dun cesto ou dunha rede coa que coller ós gozofellos, mentres que os demais compoñentes de partida se sitúan a unha considerable distancia augas arriba, para supostamente asustar ós animais e face-los saír dos seus escondites, fuxindo augas abaixo ata a posición do inexperto, pero voluntarioso protagonista, que espera co cesto ou coa rede na man.

Compre sinalar, xa que é fundamental, que o gozofello é un animal de hábitos exclusivamente nocturnos, polo que a súa captura debe realizarse unicamente pola noite. Cando vai transcorrida parte da noite os artífices do calote deixan só ó novato, quen permanece no medio do río, aterecido de frío, e con cambras en todo o corpo pola postura. Para acentuar aínda máis o escarnio, os artífices recomendáranlle previamente ó iniciado que se non tiña éxito coa empresa, debía recitar e intervalos regulares e cada vez máis frecuentes o dito:

Gozofello vente ó rello… gozofello vente ó rello… gozofello vente ó rello…¡, e así reiteradamente.

NOTA

Escoitado por primeira vez da voz dos  irmáns Jesús e Francisco Varela, naturais da aldea da Fraga, parroquia de Vilamor (Concello de Toques), na década de 1980.  

 [Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2015]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: