Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Un fantasma na Torre de San Paio de Narla

Queremos relatar un acontecemento, se cadra raro, que nos aconteceu durante unha visita á Fortaleza de Narla, en Friol (Lugo) haberá dous ou tres anos, aproximadamente, nunha tarde de inverno. 

Acudimos nolos dous xunto cunha amiga e compañeira a visitar o Museo Etnográfico instalado nas dependencias deste castelo. Nós coñecíamos dende sempre a lenda e tamén o relato de Carré, pero non a nosa amiga. Cómpre dicir que ata despois do “acontecemento raro” non lle falamos dela, posto que acudimos a Narla unicamente coa idea de visitar o edificio e as súas coleccións. Ningún dos tres estabamos suxestionados, ela porque non coñecía a lenda e porque nós, pola nosa parte,  tampouco lle concedemos veracidade xa que ós nosos anos xa non imos a Narla coa idea de ver  pantasmas.

Aconteceu que estando na planta alta do edificio, a nosa amiga adiantouse para ver a sala que se corresponde co escritorio, ó lado do dormitorio. Nós quedamos atrasados no corredor, vendo as vitrinas que conteñen quinqués, candís e palmatorias, posto que nos chamaron a atención algunhas pezas, como unhas tesoiras específicas para cortar as velas e as mechas.

Logo entramos no escritorio pola única porta que accede ó mesmo. Nela seguía a nosa compañeira que nos relatou asombrada que notara a presenza dunha persoa que pasaba ó seu carón cara o armario que hai no fondo da habitación. Contou que estando dentro da sala, cando ía cara ese armario para contemplado de preto, unha persoa “vestida de branco”, como ela mesma dixo, intentou adiantala pola dereita, polo que tivo que facer o ademán de apartarse para deixala pasar. Ela cavilou nun primeiro momento que se trataba dunha das persoas responsables do Museo, pola rapidez coa que andaba e polo seu traxe branco, dado que as técnicas que estaban na entrada do Museo, vestían batas brancas. Cal non sería a súa sorpresa cando se apartou para deixala pasar e alí non había ninguén. Incluso se deu a volta para buscarnos a nós na sala e tampouco nos atopou xa que entramos uns intres máis tarde. Tamén cando a vimos asegurámoslle con total certeza que alí non entrara ninguén entre ela e nós, porque nese momento non había ninguén máis nesa planta.

Contounos, non estrañada senón curiosa o que lle pasara e foi cando lle contamos que seguro que vira a pantasma de dona Catarina. Relatamos que no castelo existía a lenda dunha muller asasinada e que vagaba polas estancias.

A nosa amiga quedou muda e cambioulle a cara. Comentou que a presenza que ela vira parecía moi real, incluso corpórea. Tamén lle sorprendeu que igual que a viu, desapareceu.

Nun principio esa figura ía en dirección ó armario que hai no fondo desa sala pero alí non hai saída nin comunicación con outras estancias. Cando se apartou para deixala pasar, xa non había ninguén ó seu lado pero de tratarse dunha persoa física tampouco lle houbera dado tempo a retroceder, pois a nosa amiga veríaa saír pola porta.

Cando lle contamos o da pantasma ó principio custáballe crelo, é unha persoa moi racional, pero tampouco foi quen de explicalo nin entendelo porque segue a dicir que ela viu unha figura de muller claramente, de pelo escuro á altura dos ombreiros e ataviada cunha vestimenta branca (por iso pensou que debía tratarse dunha das dúas técnicas que nos recibiron na entrada).

Nós, que estabamos no corredor contiguo, aseguramos que esas técnicas do Museo non entraron alí antes de nós, nin tampouco despois, e non iamos vestidos de branco.

Loxicamente non lles comentamos nada ás traballadoras do Museo porque seguro que non lles ía parecer verídico. Tamén queremos deixar no anonimato o nome da nosa compañeira, posto que poderían vacilala. Dicir que ela, que non cre para nada no mundo do alén, nin en pantasmas nin derivados, a día de hoxe aínda segue sen atopar unha explicación lóxica, e mesmo lle fai dubidar do seu criterio.

NOTA

Este acontecemento “paranormal” tivo lugar fará un par de anos na Fortaleza e do que nós indirectamente fomos testemuñas. Agora xa non somos uns cativos e non procuramos pantasmas, posto que os adultos deixámonos levar máis polo pragmatismo que polo irracional. Por desgraza iso fai que en moitas ocasións se perda polo camiño esa apertura perceptiva e intuitiva que teñen os pequenos, menos contaminados polo relativismo.

 [Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2015]

___________

LENDARIO DA TORRE DE XIÁ, SAN PAIO DE NARLA, FRIOL (LUGO)

-A Cova da Serpe de Friol

-A Virxe Catalina da Torre de Xiá (ou de San Paio de Narla) de Friol

-Muerte alevosa, entierro honorífico de doña Cathalina de San Tiso y novedad prodigiosa, que se admiró en el entierro de su cuerpo

-O Pazo de Narla e a traxedia de dona Catarina

-Un fantasma na Torre de San Paio de Narla

 

 

 

 

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: