Cocos, monstros
CATEGORÍAS RELACIONADAS
O Pazo de Narla e a traxedia de dona Catarina
Relata Carré que no ano 1935 visita as torres de San Paio de Narla, en Friol (Lugo), coincidindo cunha estadía naquel concello. Conta como foi moi ben acollido polos vellos caseiros da fortaleza e como aparte de darlle cama (na propia fortaleza) e sustento, contáronlle, por petición propia, a lenda da traxedia de dona Catalina.
Os vellos caseiros facilítanlle un cuarto para pasar a noite no sobrado da edificación, nunha estancia provista dunha cama antiga que estaba “coma nova, malia de sere do tempo dos señores”. Durante a noite o visitante non da acougado e collido o sono, xa que escoita sons a modo de carracas en diferentes tons e posteriormente aparécelle un espectro dunha muller fermosa e xove, que se lle achega en actitude suplicante.
A figura espectral coméntalle que se trata dunha doncela malfadada, que procura un amor e en actitude suplicante requírelle un “anaquiño de amor” para saír do seu tormento e suplicio. A figura séntase na beira da cama e coméntalle ó hóspede que: “eu fun a causante de que don Vasco das Seixas dese morte á súa muller dona Catarina. Eu tíñalle envexa e xenreira; eu fíxenlle crer a seu home que a señora enganábao, que tiña un amante”...
.... Cando o visitante se vai compadecendo dela acontece a transfiguración do seu corpo, nun principio fermoso, que vai deformándose:
“Ollei estranado para a doncela que así falaba, e vin, ao mesmo tempo que sentía sobre min o seus brazos que me cinxían nunha aperta brutal, insospeitada nela, como o seu rostro transfigurábase.
E notei estarrecido, abraiado, c´un arreguizo de pavura, que as súas carnes moles cedían á presión das miñas mans e que só apalpaba os seus ósos espidos; e que as súas belidas faceiras esvaíanse como fume e ficaba só ante o meu ollar espavorido a súa branca caveira e os seus dentes de marfil escarnados e ameazantes...
Fraquexaron as miñas forzas e sentín a súa boca sen beizos pousarse na miña coa mesma arela que se for un famento lobo”...
Finalmente cando se fai día, dubida de se fora todo un soño a modo de pesadelo, pero sinte na boca un sabor a sangue e “levei o pano aos beizos e retireino con nódoas vermellas. Daquela boteime da cama en baixo e fun ver no espello. ¡Nos beizos tiña dúas pequenas feridas, como de trabadelas!”
Ó final queda coa dúbida de se foi un soño, ou non, pero refire que non lle quedaron gañas de volver a Narla, no resto da vida, para descubrir a verdade.
NOTA
Aludimos á versión novelada-fabulada realizada por Leandro Carré, no que fala dunha figura feminina espectral que se lle apareceu, supostamente, no ano 1935. Aparece publicado este relato de Leandro Carré Alvarellos, no nº 25 da colección O Moucho, ano 1972. Refire, cunha narrativa de corte decimonónico que bebe nas lendas de Bécquer, un acontecemento que supostamente lle sucede a el mesmo no ano 1935, e que titula como “O Pazo de Narla”.
[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2015]
LENDARIO DA TORRE DE XIÁ, SAN PAIO DE NARLA, FRIOL (LUGO)
-A Virxe Catalina da Torre de Xiá (ou de San Paio de Narla) de Friol
-O Pazo de Narla e a traxedia de dona Catarina
-Un fantasma na Torre de San Paio de Narla