Veciñanzas
A vella do monte: A bruxa boa dos montes leoneses (Nicolás Bartolomé Pérez/ Emilio Gancedo
© Nicolás Bartolomé Pérez/ Emilio Gancedo
Artigo publicado anteriormente en castelán no “Diario de León” (12/01/2014), revista dominical La Llariega.
_______________
A vella, “la güela” ou “la vieya” é un personaxe benévolo da mitoloxía leonesa que daba alimentos aos pastores para que llos levasen aos máis pequenos da casa. Unha especie de “Papá Noel” ou de “Olentzero” feminino e moi noso.
_______________
Hai un conxunto de personaxes mitolóxicos que aínda hoxe gozan de vitalidade, é dicir, que contan aínda con unha lexión de crentes que asumen sen problema algún a súa existencia real. Puidémolo comprobar recentemente cando uns entes míticos e bonachóns que viven en afastadas terras trouxeron aos nosos pícaros agasallos nun momento concreto do ano, e todo grazas á intermediación cariñosa de pais e familiares. Estámonos referindo aos Reis Meigos, que veñen de Oriente, a Papá Noel, que vive no Polo Norte, ao Olentzero da tradición vasca e navarra, vello carboeiro que baixa do monte para anunciar o Nadal con agasallos para os máis novos, ao tronco de Nadal da tradición catalá (tió) e aragonesa (tronca), que é un tronco humanizado que golpean os nenos e reparte agasallos tamén en Nadal, ou á figura da Befana das terras italianas que aparece na véspera do día de Reis para distribuír presentes entre a infancia.
Na tradición leonesa tamén atopamos un personaxe bondadoso que vive apartado da sociedade pero que sempre se acorda dos nenos, aos que envía pequenos obsequios a través dos seus pais: é a Vella do Monte, entidade lendaria, xenuinamente leonesa, ben estudada por José Luís Porto. A Vella do Monte é a denominación máis xeneralizada deste mito que se estende por todo o norte montañoso de León, aínda que ás veces ten nomes locais como o da Güela, en Candanedo de Fenar (municipio da Robla), entre outros. Case sempre se presenta como unha panadeira que vive nunha pena ou cova no monte e que ten unha cova anexa á súa morada que utiliza como forno; é nel onde amasa pan para os nenos dos pobos próximos e a quen llo envía a través de pais e familiares á volta da súa xornada no campo.
Este pequeno rito de dar aos nenos os restos do xantar ou merenda que os labradores e pastores levaban ao campo é denominado nalgunhas zonas leonesas pan de paxarines ou pan de pajarines, ou pan de raposa. Algunhas tradicións sobre este personaxe, por exemplo, as que se contan en Salamón (municipio de Crémenes), indícannos que se trata dun ser amable con quen se aproximan ao seu lugar de habitación e que coñece moi ben a natureza e a todos os animais e plantas, e ata é frecuente atopar herbívoros salvaxes pastando preto dela sen medo. E no desaparecido pobo de Lodares os rapaces esperaban con ansia a chegada dos maiores pola noite, e recibíanos con preguntas do tipo: «Que nos trouxo a Vella?», quedando marabillados ao ver os anacos de pan, queixo ou embutido que lles deu a señora para eles.
Este entrañable mito ten ademais un interese notable; de feito quizá sexa a figura mitolóxica leonesa de orixes máis remotas, pois destacados lingüistas europeos como Gerhard Rohlfs ou Mario Alinei estudaron nas linguas e folclores de toda Europa a existencia dun antigo mito común a case todo o continente que se mostra de múltiples formas e que remite sempre a unha Magna Mater benefactora e señora da natureza que é imaxinada nas culturas populares europeas como unha muller vella. Unha das figuracións desta deidade ancestral é o arco iris que se vincula a este ente en varias linguas de Europa, como a leonesa, na que este fenómeno meteorolóxico é designado como arcu a vieya (arco da vella) ou cinta a vieya (cinturónn de la vieja, na variedade leonesa de Sanabria).
Velaquí, pois, o conxunto de características da Vella leonesa: vive na montaña, maniféstase no ceo como o arco iris, é fiadora e relaciónase tamén coa lúa, configurándose como un personaxe lendario que afunde as súas raíces en estratos culturais antiquísimos pero cuxo recordo se conserva como un tesouro na tradición da sociedade rural leonesa ata os nosos días.