Veciñanzas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
O milagre de San Froilán e o lobo
Foi Frei Atanasio de Lobera, monxe benedictino cisterciense nacido no s. XVI e morto a principios do ss. XVII, quen nos deixa por escrito por primeira vez o episodio de san Froilán co lobo. Fíxoo no seu “Historia de las grandezas de la muy antigua, e insigne ciudad y iglesia de León, y de su Obispo y Patrón Sant Froylan, con las del glorioso S. Atilano Obispo de Çamora / recopilada por fray Athanasio de Lobera” (1605) onde di que a toma da tradición oral e que “é cousa sabida e certa entre os montañeses da comarca de León”.
E a lenda di que cando Froilán andaba de ermitán polos montes de León servíase dun burro para carrexar os libros, mais o lobo, se cadra famento, deu conta do burro e deixou ao bo de Froilán sen transporte. Froilán rifoulle á besta polo seu comportamento e en castigo fíxolle poñer a albarda e suplir ao burro para o carrexo dos libros.
Unha variante desta lenda, máis prosaica, di que o que carrexaba o burro eran as pedras para construír a ermida que leva nome do santo e que aínda hoxe existe nas proximidades de Valdorria, en León.
©AReigosa
__________