Veciñanzas
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Que fai o Demo na Noiteboa?
No concello de Vinhais (Portugal), lindante co da Mezquita (Ourense) dise que a noite da consoada (Noiteboa) algúns van ao monte coller érbedos (érvedos, medroñeiros, erbedros, esbedros, erbedeiras, moroteiros, morongueiros, morodoeiros, amoroqueiros ou albedros) e logo déixanos ao orballo da noite a ver se vén o Demo catalos. Non se recomenda comer máis dun froito cada vez pois teñen moito alcohol e son alucinóxenos; na Fonsagrada chámanlles “borrachiños”.
Polo visto é na Noiteboa cando o Demo abanea os érbedos para roubar os froitos, mais hai que ter moito tento pois penéiralles por riba unha poalla cor púrpura, seica fabricada nas mesmísimas fornalhas do Inferno.
Segundo a mitoloxía grega o érbedo xermolou do sangue verquido por Xerión cando o matou Hércules; en Roma este arbusto, símbolo da inmortalidade, estaba consagrado á ninfa Cardea.
Por certo, e ten que ser casualidade, xa ora; o aeroporto máis próximo á Torre de Hércules da Coruña, onde disque matou Hércules a Xerión, chámase Alvedro!
BIBLIOGRAFÍA