Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Castro de Troña

O castro de Troña está en Santa Mariña de Pías, Ponteareas (Pontevedra).Tamén se coñece co nome de Monte Doce Nome de Xesús en atención á ermida que hai alí.
Cóntase que alí viviu unha serpe (hai unha inscultura cunha serpe rampante nun pendo) que de vez en cando baixaba e roubaba para comer bestas, ovellas e outros animais. Seica falaba coas cabras e dicíalels:
-¡Dáme do teu leite que eu che darei o meu peite!
Os veciños, para evitar aqueles roubos e por medo, acordaron turnarse e levarlle todos os días ao monte un animal. Pero logo, cansos de pagar aquelas rendas, decidiron matala da seguinte maneira.
Xuntaron moitos novelos de la, fixeron unha boa corda e colocaron un novelo groso na punta, déronllo a comer e cando a serpe picou, tiraron da corda e matárona a golpes. Enterrárona no adro da ermida e enriba puxeron un cruceiro.
Tamén se conta que debaixo da ermida hai un camposanto de mouros, que desde este mesmo lugar sae un camiño soterrado que vai ata o río Tea en Portavilares, que era o que usaban os mouros para ir ver os cabalos que tiñan alí.
Fálase doutro túnel que conduce desde o castro ata o Tea, onde chaman a Caldeira do Inferno, e na saída hai tesouro que ten forma de grade de ouro.
Outro prodixio é que mesmo diante da capela sae primeiro unha muller e despois unha serpe, e ás veces déixase ver unha señorita que senta enriba dun penedo para peitearse con peites de ouro.
Neste castro hai noticia de máis tesouros: unha viga de ouro que vai desde o castro ata a Portela de Vilar, e unha grade de ouro, e un tear, todo de ouro, que se agachan debaixo do altar da ermida do Doce Nome de Xesús.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: