Tesouros
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Pedra Pereirosa (tamén chamada Pedra da Vella)
Sita en Celas, concello de Culleredo (A Coruña). Está á beira da estrada que une Sigrás con Cerceda. Ao pasar Sésamo e chegar a Vinseira Pequena, á esquerda, vese dende a estrada que logo seguirá por Celas, pasando por diante da Torre de Celas.
Desta Pedra Pereirosa dise o seguinte:
-A pedra tróuxoa unha vella (sen dúbida unha moura), que a levaba na cabeza sobre un molido tamén de pedra.
-Mentres a levaba fiaba na roca.
-A pedra que hai hoxe din que é a cesta (observen a fotografía).
-Desapareceu de alí outra pedra, moito máis pequena e plana que era o molido.
-Dende ela ía unha cadea de ouro ata Rumbo (Ledoño- Culleredo)
-Esta cadea ía soterrada e ao cachala aparecía un rego de area.
-Nas leiras que ían por riba da cadea de ouro aparecía o millo seco.
-Ás 12 da noite do día de San Xoán aparecía por alí unha galiña con pitos.
-A pedra medraba. (Remítenos a crenzas antigas sobre as pedras cun comportamento entre divino e humano).
No Monte Xalo e arredores veremos vínculos familiares entre estas pedras ou como tiraban de enxeño para impedir que os homes sacaran delas os tesouros que agachaban.
Estas lendas da vella que trae unha pedra na cabeza son abundantes en Galicia. A da galiña con pitos e a da cadea de ouro repítense en toda Galicia e son frecuentes nesta zona en pedras, medoñas,....
A pedra Pereirosa aparece no Catastro da Ensenada da parroquia de Celas como antiga linde entre as parroquia de Celas e o couto de Vinseira Grande: “Desde la piedra Pereirosa, que es una piedra grande con una cruz, que está en una heredad de doña María Benita Maldonado, va caminando hacia piedra de Gomeiros”. Tamén di do linde: “Desde la piedra Moural y Pereiros, que tiene una cruz y de allí va a dar a dicha piedra de Pereirosa”.
Delimitaría así Vinseira Grande con Vinseira Pequena, hoxe ambas parroquias de Celas.
O couto de Vinseira Grande era un couto redondo e de señorío que arredor do ano 1700 pertencía a dona María Benita Maldonado y Freijomil, veciña da cidade da Coruña, e propietaria tamén da Torre de Celas.
Texto e fotografía da autoría de Lois Vilar Hermidas (https://loisvilarhermidas.blogspot.com/). Decembro de 2022.