Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Tesouros

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 077: A moura das merendas

Achegámonos ao Outeiro Grande, parroquia de Combarro, en Poio, onde está a Cuna da Moura, unha rocha ovalada cunha gran pía no centro e un desaugadoiro na base. E se fermoso é o berce, máis debe ser a moura que alí se aparece adornada cunha cinta. Para desencantala hai que tirar da cinta e ela, a cambio, ofrece o tesouro.

Nunha ocasión foi un home apañar leña polos arredores, viu a moura e preguntoulle que facía. A moura respondeulle o que xa vía, que se estaba peiteando cun peite de ouro, e pediulle que cando volvese ao día seguinte lle trouxese unha bola de pan.

Así o fixo e a moura pagoulle cun saco cheo de algo, coa advertencia de que non mirase ata chegar á casa.

O mozo tiña intención de cumprir e non mirou pero o saco estaba roto e foi deixando polo camiño case todo o que levaba. Cando chegou viu que só quedaba dentro do saco unha pedra de ouro e pensou que polo burato deberan caer outras. Desandou o camiño pero nada atopou.

Foi costume dos que ían coas ovellas por aquela paraxe deixaren a merenda enriba da rocha a ver se á moura lle apetecía e volvía a ofrecer o seu haber.


SerieMicromitos


Publicación: Nós Diario, 16 de decembro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: