Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

A maxia do solsticio

Hai dous momentos do ano nos que o Sol, debido aos movementos de rotación e translación da Terra, semella quedar estático —solstitium— no punto da eclíptica máis afastado do Ecuador. Coincide coa máxima diferencia de duración entre o día e a noite. No hemisferio norte o solsticio de verán deste ano 2021 acontece hoxe, 21 de xuño, ás 5:31h. —a noite máis curta e o día máis longo—, e o de inverno o 21 de decembro, ás 16:58h.

O culto ao Sol que herdamos celebraba o solsticio cristianizado e denominado de San Xoán xa que, segundo a lenda haxiográfica, o seu pai prendería un lume ritual o día que naceu.

Agora celebramos a antiga festa solsticial na noite do 23 ao 24 de xuño pois ao adoptarse o calendario gregoriano no s. XVI este corrixiu desaxustes do xuliano que retrasaron o día San Xoán un par de días.

Porén, todos os rituais —de purificación, lustración...— que practicamos relacionados sobre todo co lume —que alimenta simbolicamente o sol cando inicia o seu declive—, a auga e as plantas son de orixe precristiá.

Foi desaparecendo pero até non hai moito era costume que, sobre todo as mozas, madrugasen na mañanciña do día de San Xoán para coller a flor da auga fría. Segundo distintos testemuños achegábanse a unha fonte cun recipiente e collían, ben a auga que reflicte na tona o primeiro raio do sol, ben a primeira que deita o manancial neses segundos máxicos. É obrigado deixar na fonte un ramo feito con plantas propiciatorias. Se a fonte elixida xa ten ramo hai que buscar outra pois cada fonte só ofrece unha flor.

Esta auga limiar que reúne os poderes simbólicos da auga e do Sol solsticial gárdase todo o ano e alonga a vida. Di E. Lence Santar que “que axota as meigas, ao trasgo y-ó mesmo demo e que fai levedar o pan”.

Nestes tempos en vez de ir buscar a flor prefírese a auga de rosas ou de herbas. Prepárase botando nun recipiente que se deixa ao orballo da noite flores, follas ou ramas como herba luísa, santa maría, fiúncho, malva, ruda, codeso, sabugueiro, romeu... e as que se prefiran para ao día seguinte lavar a cara con ela. Un halo inhibidor de meigallos protexeranos todo o ano.

Ademais dos beneficios que propicia saltar as cacharelas ou fogueiras e de lavarse de primeira hora con auga de rosas, esta noite suceden outras marabillas. As silvas medran tanto que cruzan os camiños de lado a lado. En Aldixe, Abadín, din que os fentos florecen ás doce desta noite. Un que quixo comprobalo tapou un fento cun pano e cando quixo ir mirar o que pasara quedou cego. Mágoa pois a flor do fento é útil para practicar desencantamentos.

Na Cova de Salamanca, a universidade dos magos, acaba o curso esta noite e tamén rebolen as mouras que soen presentarse ao amencer a quen ouse desencantalas. Nas lagoas transparéntanse os tellados dos edificios de cidades e vilas asolagadas. As bruxas van de aquelarre. Tamén se deixan ver galiñas coa súa rolada de polos de ouro. Quen queira facerse cun pito — gran capital— ten que mexarlles enriba ou cubrilos cunha pucha. Hai que andar prevido por se tropezamos con estas oportunidades!

©Antonio Reigosa

El Progreso, 21 de xuño de 2021.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: