Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 031: As pegas agoireiras

Considéranse aves ruíns. Aínda que hai varios tipos, todas teñen plumaxe negra e branca. O canto, desagradable, pode anunciar boas ou malas novas para quen o saiba interpretar. Os acenos son augurais: se moven o rabo arreo presaxian mala sorte e se andan salta que salta é sinal de boa sorte.

O peor é que agoiran a morte. Se voan enriba ou arredor da casa dun enfermo, se peteiran as contras ou os cristais dunha ventá anuncian o seu próximo final. Cando camiñan dúas pegas ou máis xuntas e fitan para un mesmo punto, anuncian unha morte nesa dirección.

No concello do Vicedo, segundo información de Xabier Moure, usan un dito que reflicte a súa capacidade para predicir: "Cara onde pon o rabo, deixa o recado".

Son ladroas consumadas e escollidas. Só rouban obxectos brillantes, xeralmente moedas e xoias de ouro ou prata que empetan no niño.

Entre as súas poucas calidades positivas, avisan perigos ás outras aves. Son domesticables, teñen sona de charlatanas, incluso poden aprender e imitar algunha palabra ou son musical.

Nos contos sempre as engana o raposo.

SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 13 de outubro de 2020.

Locución audioRocío Romero Otero


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: