Tesouros
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 027: Pelados por encanto
O rapaz andaba coas ovellas polos arredores da Pena de Librán, en Rececende da Pontenova, cando viu roupa tendida ao sol. Cando se achegou abriuse a pena e saía un encanto que lle espetou:
—Queres casar coa miña filla?
O rapaz dubidou pois nin coñecía a moza nin aquela xente. Entón o encanto engadiu:
—Se casas douche vinte carros cargados de ouro. A única condición é que non amentes a Deus nin á Virxe. Se o fas, terás castigo.
O mozo aceptou. Chegou o día, entrou dentro da pena e viu unha sala iluminada, preciosa. De alí a pouco sentiu un gran ruído como o dos carros cando andaban coas treitoiras untadas con xabón.
—Que é iso?—asustouse.
—Son os carros co teu ouro! —dixo o encanto.
—Oh, Deus!
Por nomear a Deus, trato desfeito. E cando xa estaba fóra, enriba da pena, o encanto preguntoulle:
—Que queres mellor, que che saían dous cornos como un castrón ou quedar pelado?
E o rapaz, xa ora, dixo que mellor pelado.
O encanto soprou e o mozo quedou sen pelo. E todos os homes daquela familia que viñeron detrás están condenados a seren calvos.
Serie: Micromitos
Publicación: Nós Diario, 7 de outubro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero