Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Tesouros

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Lendario do Castro de Pedrouzos

Deste castro melidao (Melide, A Coruña) situado na aba sur da Serra do Bocelo, a unha altitude destacada (en torno ós 620 metros) encravado nun interfluvio entre os regos Albariño e Pedrouzos, recóllense diversos contos no “Terra de Melide”, do Seminario de Estudios Galegos de 1933.

Florentino L. Cuevillas narra o seguinte:

Din que no Castro de Pedrouzos hai tres minas ou vigas; unha de ouro, outra de prata e outra de alquitrán. Como non se sabe cal é esta e tocarlle non se pode, pois todo canto hai no arredor queimaríase, non se anda en busca das outras dúas”.

Neste castro había tamén un señor encantado, e dunha vez pasou por alí unha muller que daba peito. O encanto a quen ninguén vía, chamouna para que dera de mamar a un neniño que el tiña e levouna por unha mina moi longa ata unha casa bonitísima. Despois que lle deu de mamar trouxo o señor unha untura e mandoulle á muller que metera nela os dedos e logo que lle untara os ollos ó neno. Fíxoo así, mais ela case sen se dar conta pasou os dedos por un ollo seu e dende entón vía por el coma os encantos.

O outro día era 27 e foi a muller á feira das Cruces de Sobrado e polo ollo que untara viu ó señor do Castro que ninguén máis vía. En vez de calar e de non facer caso, chamouno aínda que el non lle falaba.

... Outro día a muller foi ó Castro e díxolle o señor: ¿Con que ollo me viches na feira? E ela mostroulle con cal fora e tiroullo naquel intre”.

Tamén din que saía unha señora a estender ó sol trigo e outros graos”.

Un vello atopou na croa do castro tixolas, picarañas e outras marranadas que alí deixaron os negros”. (segundo informacións de Xosé Mato, de Pedrouzos, transmitidas ós membros do Seminario de Estudios Galegos). Tamén nese senso reflexiona Cuevillas que “cecáis debemos entender tamén coma mouros ós negros do Castro de Pedrouzos. Sabido é o equívoco das verbas negro e mouro da nosa lingua, o cal fixo sospeitar a Murguía que os mouros castrexos eran chamados mouros por seren concibidos pola xente coma negros”, e tamén diserta Cuevillas que Manuel Murguía debía estar errado xa que “non cremos que se poida soster hoxe o pensar do noso grande historiador, que tiña ós mouros da lenda coma primitivos deuses ou xenios.”

Reflexionando Cuevillas sobre a virtude da clarividencia considera que “o neniño do Castro de Pedrouzos á quen vai dar de mamar unha muller, úntanlle os ollos cunha untura para que vexa coma os encantos, para que vexa o invisible, as cousas ocultas. Esa untura dálle a clarividencia, como o unto das bruxas dálles o poder de desprazamento, de viaxar voando polo ar”. Así mesmo fai ver Florentino Cuevillas que “tamén no Castro de Pedrouzos, é castigada a imprudencia da muller que revela ó señor do Castro o don que posúe. Mais eiquí hai outra observación que facer: o coidado dos seres encantados en manter oculto o seu mundo, en mantelo invisible para os mortais.”

No capítulo “Folklore de Melide”, Vicente Risco e Amador Rodríguez tamén relatan outro episodio acontecido nun lugar próximo ó Castro de Pedrouzos, en concreto na “Pena do Congro”.

Á caída do coto do Pilar, no Bocelo, hai unha pena cabaleira que chaman a do Congro. Contan que sobor dela houbo unha figura dun home que apuntaba cunha carabina cara un lugar indeterminado. Tiña ademais un letreiro que dicía:

Onde apunta o mouro, alí está o tesouro”.

"Todos eran a mirar cal sería o lugar afortunado, mais ninguén podía dar con el. Máis unha vez un home de Pedrouzos, canso xa de trabucamentos e fracasos arreoulle á figura dous paus tan fortes que a estrangallou; máis en troques daquel feito, atopou no medio dela o tesouro tan arelado". – (Relatado por Andrés Sánchez de Pedrouzos).

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Xullo de 2019]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: