[Conto tipo *1424 (Boggs)] Xan e Marica
Unha vez érache un Xan e unha Marica, e tiñan un pícaro, e chamábanlle Xan tamén ó pícaro. E o cura era amigo de Marica e era o pai do pícaro e máis padriño.
E despois o pícaro foi..., tiña un rebaño de ovellas e foi por un sitio polo monte arriba cas ovellas, e foi o cura de caza e díxolle:
ꟷE estás aí, eh, Xan-Xanoquín!
O pícaro non lle contestou.
E despois ó día siguiente volveu e volveu a ver o pícaro e díxolle:
ꟷE estás aí, eh, Xan-Xanoquín!
E ó pícaro pareceulle mal, e chegou á casa e díxolle á mamá:
ꟷAi, mamá, foi o cura por alí ꟷe choraba o pícaroꟷ e chamoume Xan-Xanoquín. Foi onte e máis hoxe, e chamoume XanꟷXanoquín!
E díxolle Marica:
ꟷAi, Xan, ben se deita que estou coxa que senón había de ir aló cabo do cura e habíao deostar.
E vaise e díxolle el:
ꟷAi, muller, lévote eu ás costas!
ꟷPois alá, xa!
E vaise a agarrouna ás costas prá... prá porta do cura. E chegaron á porta e: Pum, pum!
E o cura:
ꟷQuen está?
ꟷEstamos nós ꟷdixo Marica.
ꟷJesús, comadre! Que milagro! Que...! Hai algo de novo?
ꟷNon! Onte logo fuche de caza e máis hoxe, e chamácheslle ó pícaro Xan- Xanoquín, eh!
ꟷE... taba coas ovellas!
E dixo ela:
ꟷAnta tu, cura, curín, pai do meu Xan-Xanoquín, comedor do meu touciño e fregador do meu ombigo por abaixo e por arriba. Bato o burro que me trouxo e o que me ha de levar, que se te agarro entre as pernas, inda te hei de afogar!
E despois, cando veu prá casa, dixo. Ai, Xan... (veu por unha louseira), e díxolle:
ꟷAi, Xan, que lousas máis guapas hai aquí pra tapar os pucheiriños do leite ó redor do lume pra que se calle!
E claro, díxolle el:
ꟷE..., xa ora, pero eu non as poido levar, que teño que levarte a ti.
E díxolle:
ꟷPara! Pousa aquí!
E pousouna e púxolle as lousas.
ꟷTráeme as lousas ahora a min prás costas!
E púxolle as lousas á Marica, Xan, e despois Xan agarrou a Marica e claro, quen levaba todo era Xan. E díxolle ela:
ꟷAi, Xan! Ves, home, ves como Dios compón as cousas! Tu levasme a min i eu levo as lousas!
Recollla realizada en 1987 por Magdalena Domenech Gruñeiro (estudante de Maxisterio) e actualmente (marzo de 2025) residente en Argomoso, Mondoñedo (Lugo). A informante, Nieves Leitón Fernández (avoa da recompiladora), de Escourido, Argomoso (Mondoñedo), tiña 74 anos.