Actualizado en data 27/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Carapuchiña Branca

A nena protagonista deste popular conto é coñecida como Carapuchiña Vermella des que Charles Perrault publicou “Le Petit Chaperon Rouge” dentro da súa obra Contes de ma Mère l’Oye (Contos de mamá Gansa) en 1697, a versión impresa máis antiga deste relato tal e como hoxe o coñecemos.

Tras Perrault, os irmáns Grimm publican o conto “Rotkäppchen” no seu libro Kinder-und Hausmärchen (Contos da infancia e o fogar) en 1812. Tamén nomean a nena protagonista como Carapuchiña Vermella e, ademais, engaden á carga moralizante que xa lle impregnara Perrault, o personaxe do cazador para que libere a nena protagonista e a súa avoa da barriga do lobo. O cazador xa aparecía, por certo, nun drama do alemán Ludwig Tieck titulado “Leben und Tod des kleinen Rotkäppchens. Eine Tragödie” (Vida e morte da pequena Carapuchiña Vermella. Unha traxedia), obra de 1800.

Destas obras, que popularizaron definitivamente o nome de Carapuchiña Vermella, fóronse publicando traducións a distintas linguas, converténdose, incluído o nome da protagonista e o conseguinte arrastre da carga ideolóxica e moralizante que lle engadiran Perrault e os Grimm, en modelo universal para a transmisión do conto, tanto por vía impresa como oral.

Obviamente, a orixe talvez oriental deste conto é moi anterior ás versións impresas que nos ofrecen Perrault e os Grimm. Nas versións orais que se rexistraron nalgunhas zonas de Francia e Italia, independentes da tradición literaria, que estaban en circulación antes do século XVII, a protagonista na maioría dos casos non recibe un nome específico, aínda que xa Egberto de Lieja en 1023, no poema De puella a lupellis servata  que se inspira nunha historia tirada da tradición oral, aparece unha nena vestida de vermello na compaña duns lobos. Nalgunhas destas versións orais, reiteramos que son independentes, anteriores e con motivos diverxentes ás de Perrault e os Grimm, descríbense elementos vermellos como cofias, amapoulas ou vestidos usados pola nena protagonista. Nalgunhas, as menos, a nena tamén se chama Petit Chaperon Rouge.

Nas versións impresas e orais deste conto posteriores ao século XIX sempre se nomea a protagonista, que viste o característico carapucho vermello, como Carapuchiña e nunca falta a conseguinte solución liberadora que ofrece o personaxe masculino inventado por Tieck e popularizado polos irmáns Grimm.

Os recompiladores galegos, conscientes da similitude das versións orais coa dos Grimm e sobre todo por recreárense en castelán apenas lles prestaron atención, coa excepción de Rosa A. Ramos que publica unha que rexistra en Vimianzo en 1979 coa particularidade de que está protagonizado pola avoa e por unha tal Carapuchiña Branca, irmá, segundo o informante, da Vermella. En realidade, non se trata do mesmo conto senón doutro coñecido como “O lobo e os sete cabritos”, só que en vez dos cabritos, aquí a que queda na casa encargada de non lle abrir a porta ao lobo é a Carapuchiña Branca. Afortunadamente, cando unha historia se abre camiño vía transmisión oral non hai máis límites que os que lle poña a imaxinación do narrador ou narradora.

© Antonio Reigosa


Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 4 de setembro de 2023


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: