Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Equipo Chaira trinta anos despois

O grupo de investigación etnográfica Equipo Chaira comezou a súa andaina por estas datas de 1992, hai trinta anos. Os integrantes, entón persoal adscrito ao Museo Provincial de Lugo, éramos Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e quen llelo conta.

A nosa pretensión era realizar en varios anos un inventario exhaustivo, o máis completo posible, parroquia a parroquia, da literatura de tradición oral dos concellos da Terra Chá. Avanzo xa que non logramos os, quizais ilusorios, obxectivos pero o que chegamos a facer en varias campañas resultou de moito proveito, tanto para salvagardar o recompilado como para os traballos de investigación nos que nos involucramos máis adiante.

Para aquela primeira andadura acollémonos a unha convocatoria  da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, dependente da consellería de Cultura da Xunta de Galicia, pero aquela liña de axudas desapareceu un par de anos despois e o noso proxecto para a Terra Chá quedou varado.

Nesas poucas campañas déranos tempo a percorrer e entrevistar a varias ducias de persoas das 68 parroquias dos  concellos de Abadín, Begonte e Vilalba, e tivemos a oportunidade de gravar a xente á que hoxe, tres décadas máis adiante, sería imposible abordar por razóns obvias.

O resultado daquelas campañas foron moitas horas de gravacións en cintas magnetofónicas que conservamos, millentas horas dedicadas ás transcricións que arquivamos e numerosos textos dos que chegamos a publicar unha pequena parte baixo o título “Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín” en 2004. Quedan pois no caixón dos inéditos, como en tantos outros casos de recollas etnográficas e mostras moi valiosas do noso patrimonio inmaterial, os resultados do que fomos quen de pescudar desde 1992 a 1995 nos concellos de Begonte e Vilalba.

Máis alá do proxecto Terra Chá, o Equipo Chaira seguiu o seu camiño realizando traballos de campo en varios lugares da provincia de Lugo, como é o caso do feito, este tamén intensivo, no concello da Pontenova a partir de 1996, e outros con menor alcance xeográfico en Candelos, Arroxo, na Fonsagrada, e varias sesións na Casa da Fonte de Esmeriz, en Chantada. O resultado do recompilado no concello da Pontenova editouno o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo en 1998, e reeditouno en 2004,  co título “Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances”.

Todo o recompilado e aprendido nestes anos serviunos tamén a algúns membros do Equipo Chaira para achegar coñecementos frescos a outros traballos de investigación nos que participamos con Xosé Miranda como o “Dicionario dos seres míticos galegos” (1999), os vinte tomos da colección Cabalo Buligán (1998-2004) con contos da nosa tradición oral, “Contos colorados” (2001) ou “Pequena mitoloxía de Galicia” (2001), amén doutros títulos.

Pasaron trinta anos e o Equipo Chaira xa é pasado pero mantemos viva a convicción de que, a pesar do escaso ou nulo interese dos responsables de cultura das administracións, segue sendo urxente e necesario —nunca é tarde— dedicar recursos a coñecer e protexer o noso patrimonio inmaterial.

© Antonio Reigosa


Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 26 de setembro de 2022


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: