Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Galician Folktales

Acaba de ver a luz un libro transcendental para achegar ao resto do mundo o inmenso patrimonio inmaterial que representan os nosos contos populares de tradición oral. A obra titúlase “Catalogue of Galician Folktales”, publícaa en inglés a The Kalevala Society de Helsinki e a autoría corresponde á catedrática emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia Campos.

A profesora Camiño Noia é unha especialista que dedicou unha boa parte da súa vida a investigar, catalogar e divulgar os nosos contos populares. Publicou numerosos artigos sobre o asunto, ademais de dous libros imprescindibles que preceden a este: “Contos galegos de tradición oral” (Nigratrea, 2002) e o “Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral” (Universidade de Vigo, 2010), obra de obrigada consulta para quen desexe ter un coñecemento cabal destas importantes manifestacións da nosa literatura oral.

O catálogo dos contos populares galegos de Camiño Noia —inclúense os das comarcas galegofalantes alén da Galicia administrativa— segue o sistema de clasificación universal coñecido coas abreviaturas ATU, letras que corresponden aos apelidos dos tres folcloristas que lle deron sucesivamente a forma ao método impulsado polo finés Antti Aarne, continuado polo norteamericano Stith Thompson e revisado e ampliado polo alemán Hans-Jörg Uther, quen publicou en 2004 os tres volumes da última, polo de agora, versión do  “The Types of International Folktales: A Classification and Bibliography. Based on the system of Antti Aarne and Stith Thompson”.

Este sistema clasifica os contos seguindo un criterio histórico-xeográfico cunha serie de índices temáticos ou tipos, coas súas versións, variantes e motivos aos que se van incorporando os catálogos tipolóxicos que se van elaborando —como é o caso do galego— doutros países e áreas xeográficas do mundo.

No caso do catálogo galego, a autora referencia 630 tipos e subtipos coa anotación das versións e variantes, tanto as procedentes directamente dos traballos de recollida que se desenvolveron en Galicia e áreas galegofalantes desde o século XIX en adiante como as que se recrearon literariamente. A autora, ademais, propón 140 novos tipos ou subtipos a engadir ao catálogo internacional. O apartado bibliográfico  inclúe listaxe de catálogos e coleccións de etnotextos.

O “Catalogue of Galician Folktales” que agora se publica prescinde das versións de mostra de cada tipo pero inclúe o seu argumento, ademais das referencias bibliográficas correspondentes. A partir deste libro os “Contos da provincia de Lugo”, recollidos e publicados polo Colexio Fingoi en 1963 ou, por poñer só dous exemplos, os que recolleu o Equipo Chaira en Abadín e A Pontenova, publicados en “Da fala dos brañegos”, “Polavila na Pontenova” ou na colección Cabalo Buligán quedan dispostos e accesibles para incorporar ao sistema universal o que permitirá, e non é pouco, que o mundo saiba que existen. A nós, individual e institucionalmente, só nos queda decatarnos de que os nosos contos de tradición oral constitúen un tesouro que deberamos esforzarnos en coñecer, conservar e perpetuar.

©Antonio Reigosa


Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 8 de novembro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: