Contos da tradición oral de Galicia
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A orixe da capela de san Fins de Cabeiras
A capela ou ermida de san Fins está na Paradanta, parroquia de Cabeiras, concello de Arbo, non lonxe da de Ribarteme, no concello das Neves, ambos na provincia de Pontevedra.
Cóntase que a capela se construíu despois de acontecer o seguinte episodio que forma parte dun ciclo arquetípico relacionado coa ingratitude e o abandono dos pais por parte dos fillos.
Un fillo, como fora costume desde sempre, levaba o pai ao monte para abandonalo nunha carballeira próxima a Chan do Rei, mais o pai, que dispuña dunha manta para aliviar os rigores do frío, partiuna e deulla a metade ao fillo, dicíndolle:
-Toma, para que te cubras con ela cando os teus fillos te traian aquí como hoxe me traes ti a min.
O fillo, arrepentido, volveu co pai para a casa e así foi como rematou o costume de abandonar os vellos naquel monte.
En memoria daquel arrepentimento construíse a capela actual consagrada a San Fins. Disque a carballeira estaba chea de ósos e caveiras (tirando de toponimia) humanas.
Este san Fins, que se cre fillo do patrón da parroquia, S. Pedro ad víncula, é un dos sete irmáns de San Telmo que ocuparon os cumios de varios montes daquela comarca dos que falaremos noutra ocasión.
San Fins é avogoso das dores de cabeza e os que acoden á romaxe que se celebra o 1 de agosto deben levar unha tella sobre a cabeza que logo se emprega na reparación da cuberta da capela.
BIBLIOGRAFÍA