Actualizado en data 08/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Contos do Mariano nº XVII “Unha Conversa” (extracto 1ª parte)

Contos do Mariano é o título dunha serie de relatos da autoría de Nilo Cea Rodríguez, mestre de Furelos finado no ano 1992, considerado polos melidaos coma o "noso Castelao", pola súa dimensión literaria e artística, entroncada co legado da Xeración Nós.Mariano é un personaxe fanfarrón, botado para adiante, narrador ficticio destes relatos sacados da tradición oral das terras interiores das bisbarras de Melide e de Arzúa. 

“Unha conversa”  é o número 17 da serie orixinal (publicado o 8 de xuño de 1962). Texto e ilustración de Nilo Cea Rodríguez. A versión que ofrecemos é un extracto realizado por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2020.

***

Unha serán criadora e morna do mes de Santiago achábase un fato de mozos e mozas novas facendo moita bulla, e mofándose dun rapazón groso e vermello, coa de trece ou catorce anos, que levaba moi agachadiña no peto da chambra unha corna de vacaloura co achaque de arredrar ás meigas, se dado un caso, lle cadraba de bater con elas.

Neste, coma quen non quere a cousa, foise arrechegando a eles o Mariano, quen con moita proa e con moita autoridade, encomenzou a falar deste xeito, estroibándose con ambas as mans na longa e grosa mangueira de castiñeiro que lle servía de esteo, cando a reuma lle daba que tecer.

“Vos, sodes moi novos aínda, e non sabedes da misa a medias. Hai meigas, hai, ¡do que é mal e negro! E ademais, tamén hai meigas. Que por certo, segundo lle teño ouvido dicir bastas veces a “mi padre”, sendo eu neno ao pe do lar; e cen veces pior un meigo ca sete meigas.

E hai así mesmo ánemas en pena en feitura dunhos corviños pequechos como melros, e mouros coma o acibeche que se chaman choias. Casualmente no Mosteiro de Sobrado e máis no de Carboeiro e en moitos máis en ruínas e medio derrubados que abondan por aí adiante, hai centos e centos destes corviños, quero dicir, destas choias que aniñan entre o medio das gretas e das pedras dos arcos, e no que resta das vellas torres cobertas hoxe polas hedras e máis polas silvas. Cando dan en arremuinarse, en bater as alas i en berrar coma mouchos esfameados aquelo paresce “la religión del demonio”. Disque son as almas dalgúns frades ruís, que morreron neses mosteiros noutro tempo e que tiveron a disgracia de morrer en pecado. Agora teñen que purgar as que fixeron, e vivir en feitura de paxaros hastra o día en que dean con quen poida, e seipa requerilas”.

Eiquí, un dos mozos, atallou ó Mariano pra lle dicir, con moita sorna “¡Señor Manuel! ¿i el e certo que o raposo se fai o morto, cando dispois de papar seis ou sete ovellas, ou as que señan, hincha como un peto e non pode sair polo bufarro do cortello por onde se meteu pra facer unha das súas aduanadas?”.

“Podes estar tan certo deso rapas, -respondeu o Mariano, remelando moito os ollos e rañando unha orella-, coma de que tanto ti, coma min, ou calquera dos presentes, habemos de dar todos conta a Dios dos nosos pecados.

O raposo

“O raposo... ¡nai que te deu!, e o bicho máis listo e máis agudo que se coñece antre nosoutros neste país. Tanto é así... que no tempo en que falaban os animais, el era quen os aconsellaba e direccionaba a todos. Hastra o mesmo león lle pedía consello, i el, dáballo. O raposo e non pensedes que esbardallo ten tanto coñecemento coma calquera cristiano, ¡fora a alma!. Por eso, lle chaman tamén zorro, que quere dicir “pillo”.

Ao raposo, cando lle cadra de entrar nun galiñeiro, en de primeiro asegúrase ben de que dentro non hai cans nin xente, despois papa tres ou catro galiñas das mellores, e de seguida mata todas as que lle restan e zúgalles o sangue. E a derradeira, cando paresce que vai esbourar coa chea, vai e chántalle os chavellos na gorxa da galiña mellor mantida, ou do capón máis groso, e facendo un remuíño, velos coma un lóstrego, coa testa vai e bota ao lombo a galiña, do mesmo xeito que noutro tempo enrolaban os cabaleiros o veiril da capa derredor do pescozo. Feito canto vos acabo de contar, o señor zorro, vaise máis ledo ca un cuco, coa súa mochila ás costas, a troto curto, polos vieiros e polos agros adiante mirando, sempre a firtadelas, de cara os lados, por temor ós cans, hastra dar cun sitio seguro onde poida agachar a súa caza e tela ben acochada debaixo dos terróns, ou no medio da folla en percuro de cando teña fame e non atope galiñas.

Heivos contar un conto do raposo e máis da pega: un conto que me contaba a miúdo meu padriño, cando eu non erguía da terra outro tanto coma a tampa dunha artesa.

Pois ben, con ser tan listo e pillo o raposo, no conto que vou a contarvos, amolouno a pega. Iades ver de que maneira.

O raposo e maila pega

Unha ves, polo seu santo, o raposo, pra se lembrar da pega, que se chamaba Marica, convidouna á súa festa.

Marica, non se fixo de rogar e así foi a casa de Pedro, que ese era o nome do raposo.

No auto en que chegou Marica, Pedro, estaba baixando da garmalleira un pote de papas de millo, que fervían a cachón, coma a ola dos ladróns. E ollando pra Marica, dixo: “como podes ver chegaches a punto, pois agora mesmo acabo de amañar o xantar. Así que cando queiras...

Pro acó, na cociña, vai moita calor e será millor que xantemos aí fora, á sombra do castiñeiro grande, que se ve no fondo da eira, ao pe do río”. E sen engadir máis, foi Pedro, e apeitugou co pote das papas hastra chegar ao sitio que dixera. Entón pousou o pote no chan, e deseguida púxose a barrer co rabo nunha pena moruda que se atopaba ó carón do castiñeiro, e ao que a tivo ben barrida, baleirou as papas enriba dela, e arrebolounas ben arreboladiñas coa mazaroca do rabo, disque pra que foran refriando.

Feito esto, encarouse con Marica, botou unha risadiña, e díxolle con moita malicia: “agora... ¡a xantar!”.

Quen xantou... foi el, pois namentras que Marica daba unha picadiña nas papas, sen proveito, Pedro lambía a pena tres ou catro veces hastra deixala máis limpa e puída que o ferro dun arado despois da labra, en menos tempo que canta un galo.

“Xogáchesma ladrón!”, dixo Marica pra si, pero fixo que non se decataba da burla, e seguiu falando con el, coma se nada houbera pasado.

De tal sorte que cando chegou a hora de se despedir de Pedro, deulle as gracias polo convite, con moita cara de risa, e pra non ser menos ca el, convidouno tamén pra que foxe festexala, aló, a ela no día do seu santo. Pedro prometeulle que non faltaría, e cando chegou a data aseñalada cumpriu a súa palabra. Marica, ao velo, folgouse moito, e mandouno subir ao sobrado onde, enriba dunha mesa longa, con manteis moi brancos de liño, había disposta unha rea de pucheiros de alongada gorxa estreita, e foruda barriga ancha, cheos hatra o pescozo de trigo e máis de millo, en grao ben cocido.

Marica dixo que o metera nos pucheiros pra que estivera trebo, mol e morno, e que cando seu amigo Pedro quixera, xa podían empezar a xantar.

A Pedro paresceulle boa idea e foi arrimando un escano ao banco onde a comesta estaba posta.

O peteiro longo e afiado de Marica entraba fondo nos pucheiros da auga cocida, e baleirounos ela soila en menos tempo do que compre pra dicilo. E Pedro tivo que conformarse con vela comer a ela, pois el, por máis voltas que lle deu, non foi home a enfurar o seu fuciño dentro dos pucheiros.

Cando se rematou o xantar, dixo Marica, esbourando coa risa: “mira Pedriño, disque pra un pillo... nunca che faltou pillo e medio!!”.

Nilo Cea Rodríguez, 11-6-1962.

Contos do Mariano nº XVII “Unha Conversa” (extracto 1ª parte) (PDF)


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: