Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Contos colorados

Título completo: Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oraL Editorial: Edicións Xerais de Galicia Ano de publicación: 2001. Lugar de publicación: Vigo ISBN: 84-8302-537-x Autores: CUBA RODRÍGUEZ, Xoán Ramiro / MIRANDA RUÍZ, Xosé / REIGOSA CARREIRAS, Antonio. Ilustracións: Lázaro ENRÍQUEZ INTRODUCCIÓN Aló no concello da Pontenova —que está nas mesmas terras de Miranda, onde foi feliz e infeliz aquel Felipe da Amancia na compaña do seu amo Merlín— hai vellas e vellos, moi sabios, que lles din colorados ós contos que falan, insinúan ou inciden en materia sexual. E esta materia, sequer nos contos, non é escasa nin, xa ora, de doado tratamento. Susceptible como é de demorados ou apresurados escarceos e devaneos, adoita coller nestes contos unha faciana fresca e alegre, un aberto sorriso, moitas pingas de humor e distintas doses de atrevemento e ousadía. Mesmo algúns destes vellos e vellas sabias mirandeses confesan, xa sen rubor na fazula, que houbo tempos e persoas que, ó contaren ou escoitaren estes contos nas polavilas, non podían disimular e víñanselles ó rostro as mesmas brasas que facían alampar o lume das lareiras. Ó mellor por eso lles chaman colorados ós contos que noutras partes da nación nomean pícaros, pillabáns, pilleirentos; e en moitos lugares, mesturando dereita e pouco acaidamente sexo e escatoloxía, non acadan outros calificativos que contos porcos, cochos ou porcallentos. Confesamos que a nós gústanos ben máis nomealos contos colorados ou rubios, como din en terras de Burón, os achegados veciños dos mirandeses. Pero ¿teñen razón os da Pontenova cando alcuman como colorados os contos eróticos que foron aprendendo de boca a orella, de xeración en xeración, na longa viaxe dos séculos? Malia non atopar en ningún diccionario galego, vello nin actual, na voz colorado ningunha acepción que nos permita dárllela ; se acudimos a vellas fontes lexicográficas dos nosos veciños casteláns, atoparemos testemuños significativos que nos axudan a despexar calquera dúbida. Así, no Vocabulario de refranes de Correas (sec. XVI) afírmase que son “cuentos colorados” aqueles “que tienen algo deshonesto”. O Diccionario general de la lengua castellana de Caballero (1852), achega outras acepcións do vocablo colorado que consideramos particularmente interesantes “fam. Alegre, picaresco en materia de cuentos” e aínda outra máis “obsceno, deshonesto”. Outro diccionario decimonónico, o de Domínguez, Diccionario de la lengua española (1884, 6ª ed.) fornece, entre outras, estas dúas definicións da voz colorado: “Fam. Alegre, verde, picaresco etc. en materia de cuentos, anécdotas y chascarrillos” e “obsceno, impúdico, deshonesto, torpe voluptuoso, lascivo. Dícese de las especies impuras o demasiado alegres y picantes que por vía de chanza se suele mezclar en las conversaciones para animarlas ó hacerlas algo más entretenidas y gustosas”. Edicións recentes do Diccionario de la Lengua Española da R.A.E. (ed. 21ª, 1992) dan como desusada a súa terceira acepción da voz colorado, que define: “fig. verde, libre, obsceno”. Definicións semellantes a esta tiñan vixencia en edicións anteriores, por exemplo a 15ª, de 1925, anotaba: “Dícese de lo impuro y deshonesto que por vía de chanza se suele mezclar en las conversaciones”. O que parece verdade é que, cando menos no galego que hoxendía se fala en terras de Miranda, o adxectivo colorado aplicado ós contos, ten acepcións moi semellantes ás que tivo no castelán, alomenos entre o século XVI e o primeiro tercio do século XX. Ditas acepcións están vixentes e deberían, quizais, figurar nos nosos diccionarios. E velaí que este libro que comezades saíu dunha saquetiña chea de contos. Estaba anoada cunha amarralla vella


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: