Actualizado en data 17/09/2019

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos da tradición oral de Galicia

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Contos e historias de raposos (I)

Estes textos (fábulas, contos e sucedidos) son o resultado dun traballo escolar, complementario da lectura do libro “Memorias dun raposo”, realizado por alumnos e alumnas do IES San Rosendo de Mondoñedo.

Con agradecemento ao profesorado que o impulsou e ao alumnado que recompilou (citados en cada caso) e aos seus respectivos informantes. A ilustración é da autoría da alumna Adriana Morán Currás.

Había unha vez un corvo no pico dun carballo comendo un queixo que roubara n aladea e chegou o raposo ao se pé e díxolle:

—Que guapo es! Se a túa voz é tan fermosa como o teu corpo, dareiche o que queres1 Canta un pouco!

Entón o corvo comezou a cantar e caeulle o queixo. Así foi como o raposo papou o queixo do corvo demostrando que era moito máis listo e manipulador.

[Recollido por: Diego Rivas Barreira, 1º ESO. Informante: Pilar Díaz, de Xermade (Lugo), usuaria do Centro de Día de Abadín].

Unha noite (…) espertoume un ruído que viña do galiñeiro … Eran as pitas cacarexando porque entrara o raposo.

Decateime entón de que non lles pechara a porta e saín pola ventá berrando:

—Que fas aí, lambón?

O can, ao escoitarme a min e mailas pitas correu cara o galiñeiro; entón o raposo escapou a correr. Cando cheguei estaban todas mortas. Non comera ninguna pero fíxome unha boa trasnada pois quedei sen galiñas e mais sen galo.

[Recollido por: Diego Rivas Barreira, 1º ESO. Informante: Edelmira García (80 anos), de Vilarente, Abadín (Lugo), usuaria do Centro de Día de Abadín].

Estes días notaba eu que o can comía moito penso e díxome o meu home:

—Este can come que se mata!

A calquera hora tiña o comedeiro baleiro. O meu home púxose a vixiar e unha mañá ben cedo espertoume e díxome:

—Ven ver o can como come no penso!

E estaban comendo xuntos o can e mailo raposo, como se fosen amigos de toda a vida!

[Recollido por: Diego Rivas Barreira, 1º ESO. Informante: Olga (78 anos), de Arbo, Vilalba (Lugo), usuaria do Centro de Día de Abadín].

Había un señor que todas as noites recibía a visita do raposo para intentar comerlle as galiñas. E un día dixo:

—Voulle preparar unha trampa!

Meteu o can debaixo dun cesto no galiñeiro e aquela noite, cando veu o raposo, non paraba de dar voltas arredor do cesto e dicía:

—Galiña serás, pero úleme a can!

Ata que logrou levantar o cesto e saíu o can tras del sen poder alcanzalo. E o raposo ía dicindo:

–Arriba pés, arriba zancas, que neste mundo non hai máis que trampas!

[Recollido por: Diego Rivas Barreira, 1º ESO. Informante: Manuel (79 anos), de Arbo, Vilalba (Lugo), usuario do Centro de Día de Abadín].

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: